Inicio / O expediente de expropiación

O expediente de expropiación

O expediente debe vir completo, con documentos orixinais ou copias autenticadas, foliado numericamente na orde cronolóxica da súa formación, acompañado dun índice e dunha dilixencia datada que certifique o número de folios que conteña.

Definición de expediente completo

A. Taxación individual

  1. Descrición exacta do ben concreto que se vai expropiar (art. 26.1 LEF) ou, no seu caso, acta previa á ocupación.
  2. Requirimento ao expropiado da súa folla de aprecio (art. 29.1 LEF) e os seus xustificantes.
  3. Folla de aprecio do interesado, de formulala este, na que se concrete o valor en que estime o obxecto que se expropia, coas alegacións que estimase pertinentes (art. 29.1 LEF).
  4. Folla de aprecio desa administración coa notificación ao interesado (art. 30.2 LEF).
  5. Escrito do expropiado, de existir, rexeitando o prezo ofrecido pola Administración.
  6. Certificación urbanística comprensiva da clasificación do solo, cualificación dos terreos coas condicións de edificación, e información acerca de dotacións de servizos urbanísticos de que dispoña ou poida chegar a dispoñer sen outras obras que as de conexión, en relación coa determinación da súa situación básica (art. 12 RDL 2/2008, de 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da lei de solo), na data da declaración da necesidade de ocupación. No caso de solo incluído en ámbitos delimitados para os que o planeamento establecera condicións para o seu desenvolvemento, faranse constar os prazos fixados para este.

B. Taxación conxunta

  1. Proxecto de expropiación, que deberá conter:
    • a) Delimitación do ámbito territorial, cos documentos que o identifiquen en canto a situación, superficie e lindes, coa descrición de bens e dereitos afectados e a relación dos seus titulares.
    • b) Fixación de prezos coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.
    • c) Follas de prezo xusto individualizado de cada predio, nas que se conterá non só o valor do solo, senón tamén o correspondente ás edificacións, obras, instalacións e plantacións e outras indemnizacións.
  2. Certificación urbanística comprensiva da clasificación do solo, cualificación dos terreos coas condicións de edificación, e información acerca de dotacións de servizos urbanísticos de que dispoña ou poida chegar a dispoñer sen outras obras que as de conexión, en relación coa determinación da súa situación básica (art. 12 RDL 2/2008, de 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da lei de solo), na data da declaración da necesidade de ocupación. No caso de solo incluído en ámbitos delimitados para os que o planeamento establecera condicións para o seu desenvolvemento, faranse constar os prazos fixados para este.
  3. Copia do anuncio do DOG da exposición ó publico do proxecto de expropiación (aprobación inicial).
  4. De existir, alegacións dos interesados á aprobación inicial do proxecto de expropiación.
  5. Informe sobre as alegacións ó proxecto de expropiación, realizado polo expropiante.
  6. Xustificante da notificación con acuse de recibo da resolución aprobatoria do expediente (acordo de aprobación definitiva) aos interesados titulares de bens ou dereitos afectados pola expropiación.
  7. Escrito de oposición en prazo (20 días) á valoración establecida pola administración expropiante efectuada polos interesados.
  8. Compre que se poña en coñecemento deste Xurado se se interpuxo ou non recurso de reposición contra a aprobación definitiva do proxecto de expropiación que afecte ós bens/dereitos ós que se refire a peza separada. En caso afirmativo debe achegarse copia da súa resolución expresa para poder considerar que o expediente está completo para a súa valoración.

C. Ocupacións temporais (art. 108 LEF)

  1. Aprobación do proxecto e do plan inicial e anual do permiso de investigación (art 104 en relación co 47 e 48 da lei 23/73 de minas).
  2. Notificación da oferta económica ó expropiado, na que figure claramente a superficie a ocupar, o prazo de ocupación e a cantidade ofertada.
  3. Rexeitamento da oferta polo expropiado.

Suxestións

Coa primeira das pezas separadas, enviarase un exemplar do proxecto completo de expropiación (imprescindible planos de expropiación en formato dixital, xeorreferenciados, e co planeamento vixente á data de necesidade de ocupación nunha capa) e copia dos anuncios da declaración da necesidade de ocupación. Na medida en que sexa posible, remitiranse tódalas pezas separadas derivadas do proxecto (incluídas as complementarias se as houbera) dunha soa vez.

Para unha tramitación máis áxil dos expedientes expropiatorios, no caso de ser varios os interesados que figuren nunha das posicións dun procedemento (expropiante, beneficiario ou expropiado), prégase que se sinale un representante co que se entenderán as actuacións.

Con idéntico fin, achegaranse bases de datos nas que figuren os das pezas separadas dun proxecto (ver apartado modelos no menú principal).

Procedemento a seguir no caso dos expedientes expropiatorios tramitados por ministerio de lei (art.99 da Lei 9/2002):

A. Comprobarase a existencia da seguinte documentación:

  1. Documento acreditativo da titularidade do ben á data da presentación da folla de aprecio. Abonda cunha certificación de inscrición no Rexistro da Propiedade. Se a finca non está inscrita, deberá achegarse copia auténtica de escritura pública xunto con certificación negativa do dito Rexistro.
  2. Certificación urbanística comprensiva da clasificación do solo, cialificación dos terreos coas condición de edificación, e información acerca de dotacións de servixos urbanísticos de que dispoña ou poda chegar a dispoñer sen outra obras cas de conexión, en relación coa determinación da súa básica (art. 12 RDL 2/2008, de 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da lei do solo), na data de inicio do expediente expropiatorio. En dita certificación debe quedar claro que os bens a expropiar deben estar destinados a sistemas xerais ou dotacións públicas locais que non deban ser obxecto de cesión obrigatoria.
  3. Documento acreditativo da presentación da advertenia de iniciación do procedemento expropiatorio por ministerio de lei, despois de transcorrido o prazo de cinco anos dende a entrada en vigo do plan.
  4. Documento acreditativo da presentación da folla de aprecio pasados os dous anos dende a advertencia.

Se falta algunha documentación relacionada, solicitaráselle ó expropiado, advertíndolle de que se non a achega nun prazo de ... días se terá por desistido.

B. Darase traslado do expediente á administración expropiante para alegacións.

C. Sen esperar a recibir as alegacións, darase o expediente por completo.