Inicio / Procedemento de determinación de prezo xusto

Procedemento de determinación de prezo xusto

I. REQUISITOS PREVIOS Á EXPROPIACIÓN FORZOSA

  1. Para proceder á expropiación forzosa será indispensable previamente: 
  • Declaración de utilidade pública ou interese social do fin a que haxa de afectarse o obxecto expropiado, art.9 da Lei de Expropiación forzosa, en adiante (LEF).
  • Acordo de ocupación de bens: a administración resolverá sobre a necesidade concreta de ocupar os bens ou adquirir os dereitos que sexan estritamente indispensables para o fin da expropiación. (Art. 15 LEF).
  1. O beneficiario da expropiación estará obrigado a formular unha relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que considere de necesaria expropiación. (Art. 17 LEF).
  2. Abrirase un período de información pública no que calquera persoa poderá aportar por escrito os datos oportunos para rectificar posibles erros ou opoñerse á necesidade da ocupación. (Art. 20 LEF).
  3. O acordo de necesidade de ocupación, que se notificará individualmente ás persoas que teñan a condición de interesados, inicia o expediente expropiatorio.

                                 

II. NON NECESIDADE DE DETERMINACIÓN DUN PREZO XUSTO: MUTUO ACORDO (Art.24 LEF).

  • A Administración e o expropiado poderán convir libremente e por mutuo acordo a adquisición dos bens ou dereitos que son obxecto de expropiación en cuxo caso, unha vez convidos os termos da adquisición amizosa,  dará por concluído o expediente iniciado
  • En calquera estado posterior da súa tramitación poden ambas partes chegar a mutuo acordo.
  • Se non se chegara a tal acordo, seguirase o procedemento de determinación do prezo xusto.

 

III. PROCEDEMENTO PARA A DETERMINACIÓN DO PREZO XUSTO (Art. 24 e seguintes LEF)

O Xurado de Expropiación de Galicia determinará o prezo xusto nos seguintes casos:

  1. En taxacións individuais: cando o prezo expropiatorio non se conviñese libremente e por mutuo acordo entre a Administración e o particular.
  2. Nos procedementos de taxación conxunta: cando os interesados titulares de bens e dereitos formulasen oposición á valoración contida no proxecto de expropiación aprobado polo órgano competente, no prazo establecido para tal efecto.
  3. A fixación da contía das indemnizacións por ocupacións temporais e requisas.

 

                 Pódese consultar o contido do expediente de prezo xusto segundo o tipo de expropiación nestes enlaces:

 

III.1.       PROCEDEMENTO BÁSICO PARA A TAXACIÓN INDIVIDUAL:

O procedemento de expropiación de taxación individual iníciase coa fixación dun prezo xusto nun expediente que se tramitará como “peza separada”, encabezada pola exacta descrición do ben concreto obxecto de expropiación. Os pasos a seguir no procedemento son:

  • Apertura dun expediente individual a cada propietario de bens expropiables e posterior requirimento a cada interesado por parte da Administración expropiante para que presenten a “folla de aprecio”, na que se concrete o valor en que estimen o obxecto que se expropia, podendo aducir cantas alegacións estimen pertinentes. A valoración ten que ser motivada e poderá estar avalada pola sinatura dun perito.
  • A Administración expropiante haberá de aceptar ou rexeitar a valoración dos propietarios (follas de aprecio).

 

  1. Se a acepta entenderase determinado definitivamente o xusto prezo e a Administración procederá ao pagamento do mesmo, como requisito previo á ocupación ou disposición.
  2. Se a rexeita, a Administración estenderá folla de aprecio fundada do valor do obxecto da expropiación, que se notificará ao propietario quen poderá aceptala ou ben rexeitala e neste segundo caso terá dereito a facer as alegacións que estime pertinentes, empregando os métodos valorativos que xulgue máis adecuados para xustificar a súa propia valoración e así mesmo a aportar as probas que considere oportunas en xustificación de ditas alegacións.
  3. Se o propietario rexeitara o prezo fundado ofrecido pola Administración, pasarase o expediente de expropiación ao Xurado de Expropiación de Galicia.

Determinación do prezo xusto polo Xurado de Expropiación de Galicia: á vista das follas de aprecio formuladas polos propietarios e pola Administración, o Xurado de Expropiación de Galicia decidirá sobre o prezo xusto que corresponda aos bens ou dereitos obxecto da expropiación.

A resolución do Xurado haberá de ser necesariamente motivada, razoándose os criterios de valoración e notificarase á Administración e ao propietario coa advertencia dos recursos aos que teñan dereito.

 

III.2.       PROCEDEMENTO PARA A TAXACIÓN CONXUNTA:  (Art.118 de la lei 2/2016, do solo de Galicia)

O procedemento de expropiación por taxación conxunta a realizar pola Administración expropiante consiste no seguinte:.

  • O proxecto de expropiación, cos correspondentes documentos (ver apartado VI) será aprobado inicialmente e exposto ao público polo prazo dun mes, para que aquelas persoas que puideran resultar interesadas formulen as observacións e reclamacións que estimen convenientes, en particular no concernente á titularidade ou valoración dos seus respectivos dereitos.
  • A información pública efectuarase mediante a inserción de anuncios no «Diario Oficial de Galicia» e nun periódico dos de maior circulación da provincia.
  • Así mesmo, as taxacións notificaranse individualmente a aquelas persoas que aparezan como titulares de bens ou dereitos no expediente, mediante traslado literal da correspondente folla de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que podan formular alegacións no prazo dun mes, a contar a partir da data de notificación.
  • Cando o órgano expropiante non sexa o concello, oirase a este por igual prazo dun mes. O período de audiencia á administración municipal poderá coincidir en todo ou en parte co das persoas interesadas.
  • Emitido informe sobre las alegacións, someterase o expediente á aprobación do órgano municipal ou autonómico que sexa competente. Enténdese que o órgano autonómico competente será a persoa titular da consellería expropiante.
  • A resolución aprobatoria do expediente notificarase ás persoas interesadas titulares de bens e dereitos que figuran no mesmo, conferíndolles un prazo de 20 días, durante o que poderán manifestar por escrito ante o órgano expropiante a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado.  (En tal caso, darase traslado do expediente e da folla de aprecio impugnada ao Xurado de Expropiación de Galicia, para os efectos de fixar o prezo xusto, que en todo caso, farase de acordo cos criterios de valoración establecidos na lexislación vixente).
  • Se as persoas interesadas non formulasen oposición á valoración no citado prazo de 20 días, entenderase aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade.
  • O acordo de aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados.
  • O pagamento ou depósito do importe da valoración establecida terá os efectos previstos nos números 6, 7 y 8 do artigo 52 da lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto.

 

IV. PAGAMENTO DO PREZO XUSTO (Art. 48 e seguintes LEF)

  1. Unha vez determinado o prezo xusto, a administración expropiante ou entidade beneficiara   procederá ao pagamento da cantidade que resultase no prazo máximo de seis meses.
  2. O pagamento verificarase mediante talón nominativo ao expropiado ou por transferencia bancaria, no caso no que o expropiado manifestase o seu desexo de recibir o prezo precisamente por este medio.

O expropiado terá dereito a que se lle entregue, aínda que exista litixio ou recurso pendente, a indemnización ata o límite en que exista conformidade entre aquel e a Administración, quedando en todo caso subordinada dita entrega provisional ao resultado do litixio.

 

V. CASOS PARTICULARES

V.1. PROCEDEMENTO DE URXENTE OCUPACIÓN

Excepcionalmente poderá declararse urxente a ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dea lugar a realización dunha obra ou finalidade determinada, e implicará as seguintes consecuencias no procedemento:

  1. Entenderase cumprido o trámite de declaración de necesidade da ocupación dos bens que haxan de ser expropiados, segundo o proxecto e replanteo aprobados e os reformados posteriormente, e dará dereito a súa ocupación inmediata.
  2. Notificarase con antelación aos interesados afectados o día e hora no que teña que levantarse o acta previa á ocupación. Caso de que non conste ou non se coñeza o domicilio do interesado ou interesados, entregarase a cédula ao inquilino, colono ou ocupante do ben de que se trate. Anticipadamente publicaranse edictos nos taboleiros oficialas, Diario Oficial de Galicia, no da provincia, etc.
  3. No día e hora anunciados constituiranse na finca que se trate de ocupar, o representante da Administración, acompañado dun perito e do alcalde ou concelleiro en que delegue, e reunidos cos propietarios e demais interesados que concorran, levantarán un acta na que describirán o ben ou dereito expropiable e faranse constar todas as manifestacións e datos que aporten uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, o valor de aqueles e os prexuízos determinantes da rápida ocupación. Os interesados poden facerse acompañar dos seus peritos e un notario.
  4. Á vista do acta previa á ocupación e dos documentos que obren ou se aporten no expediente, e dentro do prazo que se fixe para o efecto, a Administración formulará as follas de depósito previo á ocupación.
  5. A Administración fixará igualmente as cifras de indemnización polo importe dos prexuízos derivados da rapidez da ocupación, tales como mudanzas, colleitas pendentes e outras igualmente xustificadas.
  6. Efectuado o depósito e abonada ou consignada, no seu caso, a previa indemnización por prexuízos, a Administración procederá á inmediata ocupación do ben de que se trate.
  7. Efectuada a ocupación das fincas tramitarase o expediente de expropiación nas súas fases de prezo xusto e pagamento segundo a regulación establecida no procedemento xeral, debendo darse preferencia a estes expedientes para a súa rápida resolución.

 

V.2. OCUPACIÓNS TEMPORAIS (Art. 108 LEF)

  1. Aprobación do proxecto e do plan inicial e anual do permiso de investigación (art 104 en relación co 47 e 48 da lei 23/73 de minas).
  2. Notificación da oferta económica ó expropiado, na que figure claramente a superficie a ocupar, o prazo de ocupación e a cantidade ofertada.
  3. Rexeitamento da oferta polo expropiado.

 

V.3. REVERSIÓN DUN BEN (Art. 54 LEF)

No caso de non executarse a obra ou non establecerse o servizo que motivou a expropiación, así como se houbera algunha parte sobrante dos bens expropiados, ou desaparecese a afectación, o primitivo dono ou os seus causahabentes poderán recobrar a totalidade ou a parte sobrante do expropiado (con excepcións), mediante o abono a quen fose o titular dunha indemnización.

 

V.4. MINISTERIO DE LEI

As expropiacións por “Ministerio de Lei” constitúen unha excepción á regra xeral segundo a cal non cabe, en principio, obrigar á Administración para expropiar. Esta é unha posibilidade que ten o propietario duns terreos que, como consecuencia do plan urbanístico, quedan sen aproveitamento algún. Mediante a expropiación por “Ministerio de Lei”, facúltase a estes propietarios  para instar á Administración a que lles expropie, impedindo así que os seus dereitos de propiedade queden baleiros de contido económico. Supón unha protección ante a pasividade da Administración á hora de executar as previsións do plan.

Esta opción é a máis proveitosa e conveniente para o titular afectado, propietario dun ben que pola súa cualificación e destino urbanístico está excluído do aproveitamento urbanístico. Deste xeito, polo menos, pode alcanzar o seu valor urbanístico, que deberá ser equivalente ao dos terreos con aproveitamento urbanístico privativo da súa contorna.

Os requisitos para requirir á Administración que exercite a potestade expropiatoria están determinados nas lexislacións urbanísticas das CC.AA., que no caso de Galicia é o artigo 86 da lei 9/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que recollen o seguinte:

  • Cando transcorran cinco anos desde a entrada en vigor do plan sen que levase a efecto a expropiación dos terreos que estean destinados a sistemas xerais ou locais que non haxan de ser obxecto de cesión obrigatoria por non resultar posible a xusta distribución de beneficios e cargas, a persoa titular dos bens poderá advertir á Administración do seu propósito de iniciar o expediente de prezo xusto, que poderá levar a cabo por ministerio da lei se transcorren outros dous anos desde o momento de efectuar a advertencia.
  • Para iso, o propietario poderá presentar a correspondente folla de aprecio, e, se transcorresen tres meses sen que a Administración acéptea, aquel poderá dirixirse ao Xurado de Expropiación de Galicia, que fixará o prezo xusto.

 

VI. CONTIDO DOS EXPEDIENTES EXPROPIATORIOS PARA DETERMINACIÓN DE XUSTIPREZO

Para que o Xurado de Expropiación de Galicia poda determinar o prezo xusto é necesario a creación do EXPEDIENTE EXPROPIATORIO, que ten que enviar a Administración expropiante ao Xurado de Expropiación de Galicia.

O citado expediente componse dun conxunto de documentos, técnicos e administrativos, que deben de entrar no Xurado de expropiación de Galicia, para que este órgano colexiado proceda á fixación dun prezo xusto. O expediente de determinación de prezo xusto, dun xeito xeral ten que:

  • Estar COMPLETO
  • Ter un INDICE que indique os documentos que o compoñen
  • Debe de estar FOLIADO NUMERICAMENTE na mesma orde da súa formación
  • A documentación que o compón debe ser ORIXINAL ou COPIAS AUTENTICADAS
  • Debe conter unha DILIXENCIA datada certificando o número de folios que contén o expediente.

A documentación necesaria a presentar para a creación dos expedientes é a relacionada nos arquivos adxuntos de excel