Inicio / Noticias / Éthel Vázquez avanza que a Xunta executará o vindeiro ano as obras de construción dunha senda peonil entre Vilaseca e Lapamán, na estrada PO-551, en Marín, cun investimento de case 790.000 euros
03/11/2017 - 02:13

Marín (Pontevedra), 3 de novembro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro de traballo coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, á que lle trasladou que hoxe o Diario Oficial de Galicia publica o inicio da información pública da senda peonil entre Vilaseca e Lapamán, na estrada PO-551, cuxas obras se executarán ao longo do vindeiro ano mediante o investimento de case 790.000 euros.

Vázquez Mourelle explicou que entre finais de ano e principios do que vén procederase a tramitar as expropiacións de 44 fincas co obxectivo de completar a tramitación necesaria para realizar as actuacións.

Trátase dun itinerario peonil de case 1,5 km que se construirá pola marxe dereita, en formigón coloreado e cun ancho medio de 2 metros, salvo naquelas zonas nas que o impidan as edificacións. Como a estrada atravesa un pequeno rego proxéctase neste punto unha pasarela de madeira que irá ancorada á propia estrutura da ponte existente, garantindo así a continuidade da senda. Ademais, construiranse diversos muros de contención e habilitarase unha banda de aparcadoiros en liña, unhas 35 prazas, nas proximidades da praia de Lapamán.

A conselleira indicou que xunto coa outra senda prevista nesta mesma estrada, entre Bagüín e Seixo, dará continuidade aos treitos de beirarrúa existentes e permitirá que veciños e turistas dispoñan dun itinerario a pé que percorrerá Marín ao completo pola costa.

A estas dúas sendas sumaranse as outras dúas que se construirán na estrada que vai cara a Moaña, a PO-313, concretamente nos treitos Coirados-Pardavila, cuxo proxecto está agora mesmo en redacción, e Pardavila-Cadro.

Todas estas actuacións están recollidas no Plan de Sendas de Galicia, que para o caso concreto desta comarca do Morrazo prevé a execución de 8 novas sendas, 10 km e un investimento de 2,8 millóns de euros.

A titular de Infraestruturas subliñou a aposta da Xunta polas sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe e por investimentos que fomentan unha mobilidade máis respectuosa co medio, que reforzan a seguridade viaria e facilitan os desprazamentos cotiás dos veciños e dos turistas que cada ano se achegan a Marín e ao Morrazo a desfrutar dos seus atractivos.