Inicio / Noticias / A Axencia Galega de Infraestruturas convocará para o mes de maio aos propietarios dos terreos afectados pola prolongación da Vía Ártabra para iniciar as expropiacións
06/03/2019 - 07:09

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2019.- A Axencia Galega de Infraestruturas convocará para o mes de maio aos propietarios dos terreos afectados pola construción da prolongación da Vía Ártabra coa fin de iniciar as expropiacións e poder así iniciar as obras no verán.

Así o avanzou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde salientou que a prolongación da Vía Ártabra desde a N-VI ata a AP-9 permitirá completar a funcionalidade dunha infraestrutura na que a Xunta xa investiu 70 millóns de euros. Con ela, completarase mellorarase a vertebración da área metropolitana da Coruña e os veciños de Sada, Cambre e Oleiros quedarán conectados de forma directa coa rede de vías de altas prestacións.

A obra, que foi licitada polo Goberno galego nesta mesma semana e que suporá un novo investimento autonómico de máis de 40 millóns de euros, contribuirá, ademais, a desconxestionar de tráfico a N-VI para que esta sexa, cada vez máis, unha vía urbana.

Francisco Menéndez asegurou que a vontade do Goberno galego é avanzar na execución da prolongación da Vía Ártabra no treito entre a N-VI e a AC-221, á altura do polígono do Espíritu Santo, mentres o Ministerio de Fomento resolve a autorización da conexión coa AP-9, xa prevista no contrato.

Na súa intervención, Francisco Menéndez destacou que o deseño da conexión coa AP-9 na Gándara responde a unha decisión estritamente técnica que refrendaron tanto o goberno bipartito como o actual e a plasmaron en proxectos que contan con declaración de impacto ambiental.

Advirtiu que a conexión en Catro Camiños defendida polo goberno municipal de Cambre ten un maior impacto territorial e menor seguridade viaria, ademais de obrigar a percorrer máis quilómetros para chegar á Coruña.