Inicio / Noticias / Comeza o obradoiro 'Sendas de Burela, Cervo e Xove VI', que conta con 20 alumnos dos tres concellos
28/11/2019 - 04:13

Xove (Lugo), 28 de novembro de 2019.- O obradoiro de emprego ‘Sendas de Burela, Cervo e Xove VI’ inicia hoxe a súa actividade coa participación de 20 persoas alumnas- traballadoras dos tres concellos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou na inauguración do taller, que promove o Concello de Xove xunto cos outros dous municipios mariñáns e está impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria cun investimento de 336.446 euros. No acto tamén estiveron, entre outras persoas, os alcaldes de Xove, Demetrio Salgueiro; Cervo, Alfonso Villares, e Burela, Alfredo Llano.

Balseiro animou ao alumnado a aproveitar a formación teórica e práctica que recibirán durante os próximos nove meses e lembrou que ao finalizar o obradoiro terán acceso a un certificado de profesionalidade co que poderán acreditar a experiencia adquirida.

No taller impártense as especialidades de ‘Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción’ -con sete persoas alumnas de Burela-; así como formación no ámbito da xardinería e traballos forestais -con sete inscritos de Xove e seis de Cervo-.

En canto aos proxectos que acometerán, en Cervo centraranse no mantemento e mellora de parques e xardíns municipais -parque Reina Sofía de San Cibrao e parque das Lobeiras de Cervo- e de numerosos espazos verdes de distintos puntos do concello. En concreto, en San Cibrao está previsto traballar na zona da Veiga, entorno da rúa Aduana, Praza do Lugar, Praza dos Campos, área verde adxacente á capela, contorna da antiga fábrica de salazón e rotondas das avenidas da Mariña e da Veiga. Tamén na rotonda da avenida de Galicia de Cervo e na zona da ponte medieval de Lieiro, entre outras.

Así mesmo, está previsto continuar coa creación e mellora de xardíns na zona das vivendas sociais da Atalaia de San Cibrao e coa limpeza e rexeneración do bosque autóctono situado no entorno do polígono de Cuiña.

As actuacións programadas en Xove inclúen o mantemento e mellora medioambiental de espazos públicos como a senda fluvial da Ruta dos Muíños (parroquia da Rigueira); o parque do entorno do centro cívico e o da rúa Doutor Baamonde Illade; as zonas verdes da urbanización de Palmeiro, do centro de formación Casa dos Maestros e do centro social de Lago; a área recreativa de San Antonio da Rigueira e o entorno das ruínas da Ermida de San Tirso de Portocelo.

En Burela, proxéctanse obras de mantemento e mellora nos locais interiores do edificio multiusos; a Praza da Mariña; a antiga biblioteca; a casa da xuventude e a escola de música ou o centro de drogodependencias, entre outros. Tamén se prevé a mellora de mobiliario urbán e a sinalización horizontal de pasos de peóns en distintas rúas.