Inicio / Noticias / A Comisión Superior de Urbanismo emite informe favorable á primeira fase do proxecto da Estación Intermodal de Ourense

A Comisión Superior de Urbanismo emite informe favorable á primeira fase do proxecto da Estación Intermodal de Ourense

29/11/2017 - 07:37

Santiago, 29 de novembro de 2017.- A Comisión Superior de Urbanismo emite informe favorable á primeira fase do proxecto integrador da Estación Intermodal de Ourense, correspondente á estación de autobuses, como paso previo para a súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta. Previamente, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un informe no que sinala que a tramitación desta primeira fase pode realizarse deseguido e con independencia da segunda -relativa á estación de tren-, pois xa garante o obxectivo da intermodalidade entre os dous medios de transporte.

En concreto, indica que o conxunto que constitúe a primeira fase é física, funcional e constitutivamente independente do contemplado na segunda, polo que a súa tramitación e as súas actuacións poden executarse en escenarios temporais distintos.

Así, o proxecto contempla dúas fases, que deberán ser executadas de forma independente pero coordinadas. Estas fases son: a primeira, a posta a disposición dos terreos; acondicionamento para aparcamento provisional, drop off e taxis; execución do aparcamento soterrado; liberación das vías 1 e 3; e estación de autobuses; e, a segunda, a adaptación da actual estación de tren por parte de ADIF.

Cómpre sinalar que a estación intermodal de Ourense comprende a nova terminal de autobuses integrada na terminal ferroviaria, a adaptación da estación de ferrocarril e elementos de conexión entre barrios. Construirase, ademais, un aparcadoiro subterráneo con dúas plantas e máis de 300 prazas.

Proxecto de interese publico excepcional

Ademais, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo reflicte no seu informe a solicitude da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, de tramitar o proxecto da futura intermodal ourensá ao abeiro da Lei 3/2016, do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, co fin de encadrar esta iniciativa na realidade urbanística actual do Concello de Ourense.

Neste senso, o departamento de Urbanismo da Xunta explica que “queda acreditado” que se trata dun proxecto promovido por un órgano da Administración Pública, de excepcional interese público para a Comunidade autónoma, polo que cumpre cos requisitos esixidos na citada Lei.

Deste modo, o seguinte paso será a valoración dos membros da Comisión Superior de Urbanismo, que se pronunciará sobre os aspectos urbanísticos do proxecto, como paso previo á elevación, por parte da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva.