Inicio / Noticias / A Consellería de Infraestruturas retoma este luns as obras de renovación extraordinaria do pavimento da Autovía do Salnés cun investimento superior aos 5,1 millóns de euros
01/09/2019 - 13:43

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade retomará a partir deste luns as obras de renovación extraordinaria do pavimento da AG-41, a Autovía do Salnés, actuación na que se está a investir máis de 5,14 millóns de euros.

Ao longo desta primeira semana de setembro está previsto así dar continuade aos traballos iniciados en xuño, e que quedaron interrompidos a principios de xullo para evitar as molestias aos condutores durante as semanas de máis tráfico do verán. Esta obra permitirá dotar dunha nova capa de rodadura a toda a lonxitude da autovía e os ramais de enlace, incluíndose na mesma o repintado de todas as marcas viarias e a colocación de captafaros, ademais de melloras puntuais da drenaxe da auga de chuvia.

Máis en concreto, no transcurso desta semana as tarefas previstas consisten en completar os traballos de reparación dos danos no firme que quedaron pendentes na primeira fase desta obra. Estes traballos farán preciso cortes de carrís alternos, manténdose sempre o tráfico polo carril libre da mesma calzada, a excepción duna reparación na zona do enlace de Ribadumia, para o que o tráfico será desviado a través do mesmo enlace.

Segundo a programación das obras, na segunda semana de setembro realizaranse traballos de corrección do peralte nunha curva que obrigarán ao corte da calzada esquerda da autovía, desviándose o tráfico o carril da outra calzada, utilizando os pasos de mediana máis próximos.

Posteriormente, xa na semana do 16 de setembro, está previsto comezar os traballos de estendido da nova capa de rodadura, cuxa duración se estima en 5 semanas sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables. Neste caso está previstos desvíos de maior importancia.

En particular, e dado que non existe paso da mediana anterior ao enlace de Curro, os traballos de estendido da nova capa de rodadura entre os puntos quilométricos 2 e 3,7, en ambas calzadas, obrigarán ao desvío do tráfico entre os enlaces de Curro (punto quilométrico 1,8) e Ribadumia (punto quilométrico 9,2), a través das estradas PO-300, EP-9305 e VG-4.2.

Estas obras teñen un prazo de execución total de 8 meses, pero estímase que coa planificación aprobada poderán estar rematadas este mesmo ano 2019.

Cómpre lembrar que está actuación está prevista no contrato de concesión desta infraestrutura autonómica, e está a ser executada, por tanto, pola sociedade concesionaria, de acordo cun proxecto supervisado e aprobado pola Axencia Galega de Infraestruturas.