Inicio / Noticias / Cores Tourís comproba a mellora de varias estradas executadas polo concello de Moraña a través das axudas de infraestruturas de uso público
03/01/2019 - 03:46
Cores Tourís comproba a mellora de varias estradas executadas polo concello de Moraña a través das axudas de infraestruturas de uso público

Moraña (Pontevedra), 3 de xaneiro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Moraña, en compaña da alcaldesa da localidade, Luisa Piñeiro, e da xefa territorial de Presidencia, Marta Mariño, co obxectivo de comprobar as obras executadas por este municipio para a mellora de varias estradas a través das axudas de Infraestruturas de Uso Público.

Os traballos supuxeron a repavimentación de 5 viais no centro urbano deste municipio por un orzamento total de 55.829,22 euros, para o que a Consellería de Presidencia concedeu unha axuda de 33.500 a través desta orde.

En concreto, actuouse sobre as rúas 8, 11, Dr. Batallán, 1 e 10, que contaban cun cun firme bastante deteriorado, polo que se fai necesaria a actuación sobre as mesmas co fin de mellorar a seguridade vial para o tráfico rodado e a calidade e seguridade para os viandantes.

Durante os últimos anos, no centro urbano de Moraña, e en concreto no entorno das rúas obxecto desta actuación, foron levándose a cabo diversas obras co fin de mellorar a accesibilidade peonil e mellorar a seguridade vial, e modernizar o entorno urbano; desta maneira executáronse novas beirarrúas, creouse unha praza ao lado do edificio do Concello con zonas de aparcamento e marquesiña de autobuses, instaláronse novos semáforos e proteccións no cruce do concello, mellorouse o aparcamento do centro de saúde incorporado beirarrúas e prazas de aparcamento para discapacitados, melloráronse os servizos de saneamento e abastecemento, etc..., e quedaba pendente actuar sobre o firme das rúas, de xeito que, a maiores, se crearán tamén novos pasos de peóns para incidir na seguridade e accesibilidade e dar continuidade aos recorridos peonís.

José Manuel Cores Tourís engadiu, que, en relación a estas axudas de Infraestruturas de Uso Público, en 2018, a Consellería de Presidencia destinou 930.000 euros a un total de 31 concellos da provincia de Pontevedra para a execución de proxectos como a reforma de casas consistoriais, mellora de estradas e camiños, de instalacións deportivas, ampliacións de parques infantís e de areas de lecer. Na comarca de Caldas víronse tamén beneficiados con esta orde de axudas os concellos de Portas e Catoira, o primeiro de eles mellorando a “Casa do Médico” e o segundo, rematando a casa do concello.

O delegado territorial tamén aproveitou a visita para recordar que o pasado 31 de decembro, o Diario Oficial de Galicia publicou as novas axudas de Vicepresidencia destinadas ás entidades locais: Por unha banda, a convocatoria de subvencións do Fondo de Compensación Ambiental e, por outra banda, a Orde de Infraestruturas de uso público.

Tal e como recolle hoxe o DOG, a Orde que establece as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións da liña en concorrencia non competitiva e da liña en concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para o ano 2019, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas a entidades locais de Galicia, conta para o ano 2019 cun orzamento de 11 millóns de euros.

“Está dirixida a que as entidades locais poidan levar a cabo actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial”, explicou Cores Tourís, quen recordou que para poder ser beneficiarios destas subvencións, os concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia deben cumprir o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2017 ao Consello de Contas de Galicia. “Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes”.

A Orde inclúe dúas liñas de subvencións. Por unha banda, a convocatoria de subvencións de natureza non competitiva, destinada a aqueles concellos de Galicia cuxo territorio municipal estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico e, por outra banda, a convocatoria de subvencións de natureza competitiva, destinada aos concellos de Galicia de maneira individual ou conxunta mediante agrupacións ou asociacións de concellos, así como ás mancomunidades de concellos e aos consorcios locais de Galicia.

Orde de Infraestruturas de uso público

Para esta orde de axudas, o Goberno galego destina nesta convocatoria 3 millóns de euros, destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Entre as actuacións subvencionables recóllense a instalación, ampliación ou mellora das redes de luz pública; pavimentación de camiños públicos municipais; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de parques públicos e parques infantís; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias; e construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que teñan menos de 30.000 habitantes, ter remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2017 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.