Inicio / Noticias / Cores Tourís comproba o inicio das obras da senda PO-309 en Poio, entre Portosanto e o enlace á autoestrada AP-9
18/11/2019 - 03:54
Cores Tourís comproba o inicio das obras da senda PO-309 en Poio, entre Portosanto e o enlace á autoestrada AP-9

Pontevedra, 18 de novembro de 2019.- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou o inicio dos traballos da nova senda que dotará de maior seguridade viaria ao tramo da PO-309 que une Portosanto co enlace á autoestrada AP-9 en Poio.

O delegado territorial estivo acompañado na visita do alcalde de Poio, Luciano Sobral, e do voceiro do PP, Ángel Moldes.

Trátase dun contrato derivado do Plan de Sendas desta Consellería. “Estas obras permitirán garantir a mellora da seguridade viaria dos peóns, tal e como nos demandaron os veciños da zona, aos que visitei para coñecer a problemática desta vía que conta con pouca iluminación nos pasos de peóns”, explicou Cores Tourís.

O proxecto, que roldará os 49.000 euros co IVE incluído, suporá a instalación de 14 novas luminarias e a mellora dos pasos de peóns. Tamén, como complemento, estenderase unha senda por unha beira dos carrís de xeito que os peóns poidan ir andando con maior seguridade.

Esta obra atópase inmersa dentro da estratexia en materia de mobilidade alternativa na comarca de Pontevedra da Axencia Galega de Infraestruturas, que ten como obxecto identificar e planificar os tramos de sendas peonís o ciclistas necesarios para mellorar a mobilidade sostible nesta comarca. Os traballos inclúense dentro do programa operativo FEDER 2019-20, e en particular, dentro da acción de fomento de estratexias de redución do carbono e da mellora da seguridade viaria.

O itinerario proxectado comeza na rotonda de acceso á Lourido e remata preto do acceso á autoestrada AP-9, cun itinerario de 450 metros de lonxitude.