Inicio / Noticias / As estradas de titularidade da Xunta rexistraron en 2017 o maior volume de tráfico desde o ano 2011, cunha intensidade media diaria de 3.077 vehículos
21/04/2018 - 13:00
As estradas de titularidade da Xunta rexistraron en 2017 o maior volume de tráfico desde o ano 2011, cunha intensidade media diaria de 3.077 vehículos

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2018.- As estradas de titularidade autonómica rexistraron en 2017 o maior volume de tráfico desde o ano 2011, cunha intensidade media diaria de 3.077 vehículos. Os datos recollidos na Memoria de Tráfico que anualmente elabora a Consellería de Infraestruturas e Vivenda reflicten un incremento do 1,89 % do tráfico con respecto ao ano 2016.

Os fluxos do tráfico convencional observados ao longo do 2017 en Galicia varían segundo a provincia. A Intensidade Media Diaria (IMD) de vehículos supera á galega nas provincias de Pontevedra, con 4.464 vehículos ao día, e A Coruña, con 4.423. Por debaixo da IMD galega se sitúa a circulación nas estradas da rede autonómica de Ourense, 1.618 vehículos ao día, e de Lugo, con 1.544.

Pola súa contra, no caso da porcentaxe do tráfico pesado que circula polas estradas autonómicas, e que representa o 6,7% do total en Galicia. Sitúanse por enriba da media as provincias de Lugo (9,8%), Ourense (7,8%) e A Coruña (6,8%), representando o tráfico pesado en Pontevedra o 5%, do total de vehículos.Esta porcentaxe do 6,7 % de tráfico pesado que circulou polas estradas galegas o pasado ano supón un incremento do 1,52% con respecto ao ano anterior.A Memoria de Tráfico clasifica tamén os datos de intensidade media diaria de vehículos en función das vías polas que circula. Desa forma, as vías de alta capacidade acadaron unha media de 8.227 vehículos ao día, o que representa un 4,26 % máis que o rexistrado en 2016.

Hai que ter en conta que o ano 2017 foi o primeiro exercicio completo no que estivo en servizo a Autovía da Costa da Morte (27,45 quilómetros), ademais de ser o ano en que se puxo en servizo a vía de altas prestacións entre Celeiro e San Cibrao (8 quilómetros).

Os datos recollidos na Memoria de Tráfico de 2017 son o resultado da análise e extrapolación da información obtida dun total de 381 estacións de aforo, das cales 235 foron fixas e de detección magnética e 146 de detección pneumática.A Xunta de Galicia realiza unha análise anual do tráfico das estradas da súa titularidade co obxectivo de dispoñer de información permanentemente actualizada sobre os vehículos que circulan polas mesmas e clasificada conforme a parámetros tales como a intensidade media diaria, a porcentaxe de vehículos pesados e as súas variacións ao longo do tempo.

Ese conxunto de datos resultan de gran utilidade para adaptar a xestión da rede autonómica de estradas ás súas demandas reais, prever as necesidades futuras e planificar as actuacións e os investimentos nas vías.