Inicio / Noticias / Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras da nova senda na estrada AC-524 en Frades, que suporán un investimento da Xunta de 242.000 euros
21/11/2022 - 02:44
Ethel Vázquez anuncia a licitación das obras da nova senda na estrada AC-524 en Frades, que suporán un investimento da Xunta de 242.000 euros

Frades (A Coruña), 21 de novembro de 2022  A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade,

Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras da nova senda na estrada AC-524 en Frades, que suporán un investimento da Xunta de 242.000 euros.
 

Vázquez Mourelle achegouse á Casa do Concello de Frades para presentar a nova senda peonil que vai a habilitar o departamento que dirixe nas marxes desta estrada autonómica que comunica Ordes e Lanzá. Un novo itinerario peonil que, tal e como indicou, mellorará a mobilidade e a seguridade nesta vía autonómica ao seu paso polo municipio.

 

A Plataforma de Contratos Públicos da Xunta recolle hoxe a licitación das obras, establecendo como prazo ata o 19 de decembro para que as empresas interesadas nos traballos presenten as súas ofertas.

 

Segundo apuntou a conselleira, o obxectivo é iniciar os traballos a comezos da primavera, cun prazo de execución de 4 meses. Explicou que xa se está a avanzar no proceso expropiatorio: en outubro convocáronse as actas previas e o 16 de decembro está prevista a formalización.

 

Deste xeito, tal e como avanzou a titular de Infraestruturas e Mobilidade, no verán os veciños de Frades poderán desfrutar desta nova senda peonil, 770 metros de itinerario pola marxe esquerda da estrada AC-524, que lle permitirá facer os seus desprazamentos cotiás entre os núcleos de poboación de Pibideira, O Pazo e Sobre dos Campos; e continuar logo pola senda actual da travesía da Abellá, de forma cómoda, segura e saudable.

 

Ethel Vázquez indicou que se trata dunha nova actuación, demandada e agardada no municipio, coa que se dá resposta á petición trasladada polo alcalde e coa que a Xunta pretende favorecer desprazamentos máis seguros, cómodos, sostibles e saudables e facilitar o tránsito diario dos veciños.

 

A conselleira concretou que o novo itinerario, de 770 metros de lonxitude, permitirá a conexión do núcleo rural de Pibideira cos do Pazo e Sobre dos Campos. A nova senda desenvolverase pola marxe esquerda da estrada, dando continuidade á xa existente na travesía de Abellá. Explicou que esta nova senda  terá 2,5 metros de ancho e executarase en cor terriza natural para unha maior integración. Precisou que durante os traballos se terá especialmente en conta os accesos ás propiedades, que se executarán en formigón reforzado con mallazo.

 

Nas zonas de cruce con outras vías empregarase pavimento podotáctil, de cor e textura diferente, que advertirá da proximidade a ese cruzamento de vías; e nos pasos de peóns, colocarase tamén pavimento podotáctil, indicativo para facilitar o tránsito das persoas con problemas de visión.

 

Deste xeito, engadiu, no treito no que se actuará, a estrada contará con dous carrís de 3,5 metros; beiravía de 1,4 metros; senda de 2,5 metros; e gabia transitable de 1,20 metros, unha sección da estrada que redundará en maior seguridade viaria.

 

Como obras complementarias á execución da propia senda realizaranse traballos de drenaxe das augas pluviais; a preinstalación para o alumeado público; e a reposición dos servizos e sinais que se vexan afectados na intervención.  

 

A intervención conta con financiamento da Unión Europea dos fondos REACT EU de resposta contra a pandemia.

 

Ethel Vázquez enmarcou esta nova actuación en Frades na aposta da Xunta pola mobilidade segura, menos contaminante e máis beneficiosa para a saúde, que levou ao departamento que dirixe a poñer xa á disposición dos galegos máis 200 km de sendas grazas a un investimento de 50 M€.

 

A conselleira amosou a vontade da Xunta de seguir avanzando nesta liña, tendo en conta que é unha medida positiva e de éxito, pola experiencia que achegan os veciños que usan eses itinerarios de xeito habitual, que valoran este tipo de actuacións e recoñecen os seus beneficios sociais.