Inicio / Noticias / Ethel Vázquez anuncia o remate para antes de finais de ano da pasarela e a senda entre Agrela e Marineda, que permitirá unha conexión máis segura do eixo industrial e comercial da Coruña coa cidade
20/04/2018 - 03:59
Ethel Vázquez anuncia o remate para antes de finais de ano da pasarela e a senda entre Agrela e Marineda, que permitirá unha conexión máis segura do eixo industrial e comercial da Coruña coa cidade

A Coruña, 20 de abril de 2018.- A Coruña, 20 de abril de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, anunciou hoxe o remate para finais deste ano das obras de construción da pasarela e o itinerario peonil e ciclista entre Agrela e Marineda, que permitirá unha conexión máis segura do eixo industrial e comercial da Coruña coa cidade.

A conselleira fixo esta declaración na visita que realizou esta maña co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, para supervisar xunto cos representantes da Asociación de Empresarios de Agrela o inicio das obras de construción da pasarela e a senda entre Agrela e Marineda, nas que se investirán arredor de 2 millóns de euros. Vázquez Mourelle salientou que esta importante infraestrutura permitirá dar un salto cualitativo no reforzo da seguridade dos desprazamentos de peóns e vehículos entre o polígono empresarial e o centro comercial Marineda.

Salientou que esta intervención, ademais de reforzar a seguridade viaria e a mellora da mobilidade peonil, favorecerá a circulación viaria que repercutirá moi positivamente no transporte público, nunha das zonas especialmente transitada polos veciños e traballadores da contorna. A conselleira comprobou cos representantes da asociación de Agrela os primeiros avances nesta obra, que contaron desde o inicio coa colaboración permanente da entidade empresarial, para acadar a mellor solución para reforzar a seguridade e acadar a integración da contorna coa cidade. Lembrou que a intervención se realizará nos primeiros metros da AC-552, desde o seu inicio na glorieta Eduardo Diz López ata o cruce coa rúa Newton. Vázquez Mourelle salientou que a construción da pasarela elevada de uso peonil e ciclista, duns 200 metros de lonxitude, permitirá comunicar ambas as dúas marxes da estrada autonómica a través dunha estrutura que será unha auténtica escultura. E unha senda pola marxe dereita, de máis de 700 metros, que irá ata a parada de autobús existente fronte ao centro comercial Marineda. Desde o inicio da estrada ata a entrada á pasarela, a senda contará tamén con plataforma diferenciada para a circulación de ciclistas e de peóns, coidando especialmente, segundo subliñou a conselleira, a integración paisaxística de elementos da estrada, como é a mediana. No treito final, entre a pasarela e a parada de autobús, a senda compatibilizará o uso peonil e ciclista na mesma sección. Ethel Vázquez destacou que esta ambiciosa actuación tamén se fai posible grazas a colaboración permanente coa asociación empresarial de Agrela, de cara a definir a solución máis acaída para mellorar a mobilidade nesta zona.

Tamén a conselleira dou conta das afeccións temporais ao tráfico derivadas da execución desta intervención. Co obxectivo de minimizar as incomodades temporais derivadas das obras, durante os vindeiros 5 meses se prevé o corte total do tráfico dende a rúa Newton ata a AC-552, habilitando como alternativa a rúa Galileo Galilei. As limitacións non afectarán o tránsito peonil. A actuación da Consellería de Infraestruturas e Vivenda na pasarela e o itinerario peonil e ciclista entre Agrela e Marineda está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80%, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Outras intervencións na comarca

Estes non son os únicos proxectos que a consellería esta a acometer no ámbito do fomento da mobilidade sostible e de reforzo da seguridade viaria na Comarca da Coruña. Nesta mesma estrada AC-552, en Arteixo, e na AC-164, en Bergondo, no marco da Estratexia de Eliminación dos Treitos de Concentración de Accidentes (TCA), estamos a impulsar a eliminación de 2 puntos negros. cun investimento de case 1 M€, e co obxectivo de reducir a sinistralidade e mellorar a seguridade viaria.

Ademais, no marco no Plan de Sendas nesta comarca a consellería ten prevista a construción de 9 itinerarios, que suman 7 quilómetros e un investimento de máis de 5,5 millóns de euros, E en liña tamén coa Estratexia de Infraestrutura Verde da Coruña que está a desenvolver a Consellería de Medio Ambiente e que pretende garantir o desenvolvemento sustentable da súa área xeográfica. En definitiva, tal e como dixo Ethel Vázquez, son actuación que amosan a aposta da Xunta pola dotación de itinerarios seguros, sostibles e integrados na contorna que darán maior seguridade aos desprazamentos dos veciños.