Inicio / Noticias / Ethel Vázquez avanza a licitación de dous novos estudos sobre as infraestruturas da Eurorrexión e demanda unha aposta polo Corredor Atlántico equilibrada co Mediterráneo
19/11/2020 - 13:30

Vigo, 19 de novembro de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a licitación de dous novos estudos sobre as infraestruturas da Eurorrexión e demanda unha aposta polo Corredor Atlántico equilibrada co Corredor Mediterráneo.

Ethel Vázquez e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantiveron unha xuntanza co presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, e membros da xunta directiva, para abordar o progreso nos traballos a desenvolver pola consellería no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza ‘Cologistics’. O ‘Cologistics’ é un proxecto impulsado, principalmente, pola Confederación de Empresarios de Pontevedra e polo Instituto Galego de Promoción Económica, que coa participación doutros socios, comparte o interese por impulsar e reforzar a competitividade económica e empresarial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e está dotado cun orzamento total de 2,2 millóns de euros.

Para contribuír a estes obxectivos, o departamento que dirixe Ethel Vázquez publica hoxe na Plataforma de Contratos da Xunta a licitación de dous estudos dirixidos a contribuír a reforzar a capacidade loxística e a competitividade económica e empresarial da Eurorrexión, que suman un investimento autonómico de máis de 178.000 euros.

A conselleira concretou que a través destes contratos analizarase, por unha banda, a viabilidade de implantar unha rede de aparcadoiros para vehículos de mercadorías perigosas en Galicia-Norte. E, doutra banda, estudaranse as necesidades prioritarias para a mellora das infraestruturas das comunicacións na Eurorrexión, como é a conexión de Portugal coa Plisan.

Explicou que as empresas interesadas teñen de prazo ata o 11 de decembro para presentar as súas ofertas. As tarefas teñen un prazo de execución de 12 meses e o obxectivo é realizalos ao longo de 2021.

A titular do departamento de Infraestruturas subliñou que este novo paso acredita o interese do Goberno galego por sumar esforzos co sector empresarial e co resto de administracións para potenciar a competitividade das empresas e do territorio.

Puxo o acento no traballo para que as autoridades europeas aceptasen corrixir o erro histórico que supuña deixar o noroeste peninsular fóra do trazado do Corredor Atlántico de mercadorías da UE, e no sentir común de que ese logro tiña que transformarse nunha mellora real e efectiva das infraestruturas ferroviarias ao servizo do transporte de mercadorías e a función loxística.

Destacou a importancia estratéxica que ten para a área de Vigo a execución da Saída Sur ferroviaria e a conexión da terminal de Bouzas: unha obra clave para o futuro do Porto, para o tecido produtivo e para a conectividade e a competitividade da Eurorrexión.

Por iso demandou do Goberno español a realización do estudo informativo e o trámite ambiental da Saída Sur de Vigo, como xa lle ten solicitado o presidente da Xunta ao ministro Ábalos, o “único trámite real e efectivo co que o Goberno de España demostraría un compromiso real coa Saída Sur de Vigo e co Corredor Atlántico”, afirmou.

A conselleira referiuse ao resultado do completo estudo técnico e económico da Xunta sobre a Saída Sur que acredita a enorme rendibilidade desa actuación a todos os niveis, presentando hai uns meses na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra. Apuntou que, fronte a este estudo remitido pola Xunta ao Goberno de España co ánimo de contribuír ao impulso da actuación, os últimos plans do Ministerio de Transportes sobre a Saída Sur pasan por realizar un novo análise de alternativas, “para volver a estudar o xa estudado e mantela bloqueada”.

Ethel Vázquez destacou a demanda activa da Xunta ao Goberno de España ante o escoramento observado nos último meses, cada vez maior, do apoio ao Corredor Mediterráneo en detrimento do Corredor Atlántico e avogou por aproveitar a oportunidade que representa o Mecanismo Conectar Europa para financiar actuacións integradas dentro deses Corredores europeos, xunto coa ocasión única de impulsar esas actuacións con cargo aos fondos europeos de reconstrución Next Generation.