Inicio / Noticias / Ethel Vázquez avanza o investimento de máis de 1 millón de euros na eliminación dos treitos de concentración de accidentes e a construción dunha senda en Domaio, no concello de Moaña
03/04/2018 - 05:41
Ethel Vázquez avanza o investimento de máis de 1 millón de euros na eliminación dos treitos de concentración de accidentes e a construción dunha senda en Domaio, no concello de Moaña

Vigo, 3 de abril de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe o investimento de preto de 1 millón de euros na eliminación dos treitos de concentración de accidentes e na construción dunha senda peonil e ciclista en Domaio, no concello e Moaña.

Vázquez Mourelle, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, detallou hoxe en rolda de prensa os proxectos que ten en marcha a Xunta para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade na comarca do Morrazo, especialmente na estrada PO-551. Avanzou que hoxe mesmo saíron a información pública os dous primeiros proxectos no Concello de Moaña, ao seu paso por Domaio, estando prevista a súa licitación para este outono

Vázquez Mourelle referiu as actuacións que a Xunta prevé desenvolver na estrada autonómica que comunica Marín con Rande, a PO-551 para a eliminación dos treitos identificados como de concentración de accidentess nesta vía ao seu paso polos municipios de Bueu, Cangas e Moaña, na comarca do Morrazo. Unha estrada, subliñou, que rexistra unha alta intensidade de tráfico e que supera os 11.000 vehículos ao día nalgúns treitos.

Con ese obxectivo de mellora da seguridade viaria, anunciou un investimento de preto de 3,7 millóns de euros en catro actuación para suprimir 6 treitos de concentración de accidentes.

A conselleira explicou que os traballos que se desenvolverán para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes están deseñados con criterios específicos de mellora da seguridade viaria, sendo solucións diferenciadas e singularizadas para cada un dos puntos concretos.

Ethel Vázquez destacou que en cada un dos puntos da estrada PO-551 se acometerán actuacións adaptadas a resolver a problemática detectada ao longo destes treitos de concentración de accidentes. Referiu actuacións como, execución de glorietas, mellora de interseccións e accesos, rectificacións de ramais, reordenación de xiros, construción de carrís centrais de espera ou de mellora da visibilidade.

Licitación en outono TCAs de Domaio

En canto ás medidas concretas a adoptar para a eliminación dos 2 treitos de concentración de accidentes (TCAs) de Domaio, no Concello de Moaña, a conselleira destacou que o departamento que dirixe intervirá na zona comprendida entre o paso de peóns existente na travesía de Meira, á altura do centro de saúde, e a intersección coa estrada provincial (EP-1103), á saída de Domaio. Neste treito actuarase en 7 pasos de peóns, construiránse 2 novos pasos peonís e melloraranse ata 12 interseccións.

Como indicou Ethel Vázquez, agora se avanza na tramitación necesaria de información pública dos documentos correspondentes a este proxecto para a eliminación destes treitos, abríndose o proceso de participación ata o vindeiro 18 de maio, para que as persoas interesadas poderán trasladar as súas achegas e suxestións.

Tras analizar e incorporar as alegacións recibidas, aprobaráse definitivamente o proxecto e tramitarase o imprescindible expediente de expropiación, como paso previo á licitación das obras, previsto no outono. Estas actuación suporán un investimento da Xunta de arredor de 500.000 euros.

Xunto con isto, Vázquez Mourelle, referiu que estes traballos para a eliminación dos 2 treitos de concentración de accidentes de Domaio veranse complementados con outra actuación prevista no Plan de Sendas de Galicia, a construción dun itinerario peonil e ciclista na PO-551 tamén ao seu paso por Domaio. A conselleira adiantou que mañá mesmo o Diario Oficial de Galicia publicará o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de execución dunha senda de preto de 1,5 quilómetros entre a Moureira e Palmás, á que a Xunta destinará arredor de 580.000 euros

As persoas interesadas terán ata o vindeiro 21 de maio para achegar as súas propostas, tendo como obxectivo poder licitar este ano as obras desta senda, de modo simultáneo ás obras de eliminación dos dous treitos de concentración de accidentes de Domaio, engadiu Vázquez Mourelle.

Supresión de TCAs en Cangas, Moaña a Bueu

Ethel Vázquez informou doutras actuacións programadas na PO-551 de eliminación de TCAs e mellora da seguridade viaria. Salientou a supresión do tramo de concentración de accidentes de Tirán, nos municipios de Cangas e Moaña, que se someterá a información pública no mes de maio, e que prevé actuacións por importe superior aos 600.000 euros.

A consellería tamén trasladou que está prevista a eliminación doutros 2 treitos de concentración de accidentes existente na PO-551 ao seu paso por Cangas, ao que se destinará arredor de 1,4 millóns de euros, iniciándose a redacción do proxecto no mes de xuño. Avanzou ademais outra intervención no TCA previsto nesta mesma estrada ao seu paso por Bueu, no que se investirá 1 millón de euros e que se prevé sacar a información pública tamén no mes de maio.

Concluíu Ethel Vázquez que con iniciativas como o Plan de Reforzos de Firme, o Plan de Sendas de Galicia, ou actuacións tan singulares e importantes como a conversión en autovía do Corredor do Morrazo, a Xunta continua traballando no reforzo e a seguridade viaria das estradas de titularidade autonómica, para conseguir o obxectivo marcado no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020, que non é outro que reducir nun 50% as vítimas mortais nas estradas galegas.