Inicio / Noticias / Ethel Vázquez avanza que a estrutura e o revestimento do túnel de Montealegre, na autovía do Morrazo, estarán rematados en dúas semanas
12/02/2018 - 03:27
Ethel Vázquez avanza que a estrutura e o revestimento do túnel de Montealegre, na autovía do Morrazo, estarán rematados en dúas semanas

Moaña (Pontevedra), 12 de febreiro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, supervisou hoxe as obras da autovía do Morrazo, onde salientou que a estrutura e o revestimento do túnel de Montealegre estarán rematados en dúas semanas.

Os traballos de sostemento do túnel e as voaduras xa están finalizados. Cómpre lembrar que en setembro xa se comunicou aos alcaldes que os estudos técnicos realizados pola Xunta certificaban a viabilidade de ampliar o túnel para salvagardar a totalidade do castro, unha solución que supón executar unha obra de gran singularidade técnica, da que non se atopa outro exemplo en España, e que foi decidida conxuntamente cos concellos de Moaña, Cangas, Bueu e Vilaboa.

Vázquez Mourelle salientou que o Goberno galego continúa avanzando sen pausa na construción da autovía do Morrazo, a infraestrutura viaria de maior investimento autonómico que se está a desenvolver, con 11 km e 55,5 M€. Así, os primeiros 7 quilómetros estarán en servizo no mes de maio e a totalidade, ata o enlace de Cangas, no verán de 2019.

Subliñou que se trata dunha infraestrutura esencial e prioritaria para o reforzo da seguridade viaria e para a mellora da mobilidade de toda esta comarca.

Ethel Vázquez indicou que as obras están a avanzar segundo o esperado e no treito I, entre Rande e Domaio, xa está executado o 86% dos traballos. O viaduto de conexión en Rande está practicamente rematado e no resto da traza estase traballando no sostemento de noiros, valado, firmes e sinalización.

Mentres tanto, seguen os avances a bo ritmo no treito II, entre Domaio e Meira, cun grao de execución que chega case ao 90%, coas obras en execución en toda a traza, finalizado o Viaduto da Mo e todas as voaduras e quedando pendente o sostemento de noiros, valado, firmes e sinalización.

Respecto aos traballos correspondentes ao treito III, entre Meira e o primeiro enlace de Cangas, iniciáronse o pasado mes de agosto e, a día de hoxe, están nunha fase máis incipiente.

As voaduras neste treito obrigaban a outro corte total do tráfico dun mínimo de 2 meses pero, para non retrasar a obra e minimizar as afeccións, executarase un desvío provisional na zona e, segundo o previsto, estará rematado no vindeiro mes de marzo.

No resto do treito estanse a realizar voaduras noutros desmontes que, salvo excepcións, non implican cortes maiores de 5 minutos, e estase a avanzar nas diferentes estruturas.