Inicio / Noticias / Ethel Vázquez avanza que o novo acceso ao parque empresarial de Morás estará rematado e en servizo a finais deste ano, cun investimento de preto de 4,4 millóns de euros
04/06/2019 - 03:10

Arteixo (A Coruña), 4 de xuño de 2019.- A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe en Arteixo que o novo acceso ao parque empresarial de Morás estará rematado e en servizo a finais deste ano, cun investimento autonómico de preto de 4,4 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, supervisou os avances na construción do novo acceso que conectará a zona empresarial de Morás coas grandes vías de alta capacidade que a rodean, a A-6 e a AG-55. Tamén o parque está próximo á AP-9 e ao Porto Exterior da Coruña.

Para iso, abundou, se está a construír un novo enlace que se sitúa na estrada autonómica AC-551, entre a saída da autoestrada AG-55 e a glorieta de Sabón. Un novo enlace que se fará a través dunha glorieta elevada sobre esta estrada autonómica que permite introducir melloras no trazado e, ao tempo, minimizar as afecións ao tráfico na estrada autonómica durante a execución das obras. Indicou que os traballos, que comezaron a finais de marzo, avanzan a bo ritmo e están executados nun 25%, o que permitirá cumprir prazos. Neste momento, dixo, está practicamente rematado o movemento de terras na zona da AC-551 cara ao polígono, e adiantou que de seguido se realizará o movemento de terras cara ao outro lado, comezando este mesmo xoves coas voaduras necesarias.

A conselleira puxo o acento en que esta actuación da Xunta permite mellorar a accesibilidade e a competitividade do que está chamado a ser un gran polo de creación de emprego e riqueza en Arteixo e, por extensión, en toda esta área da Coruña.

Neste sentido, salientou que o Parque de Actividades Económicas de Arteixo, que desenvolve Xestur con arredor de 1 millón de metros cadrados de superficie industrial, está a espertar un enorme interese entre as empresas, como así o demostran os preto de 650.000 m2 de solo reservado ata o momento, case o 70% da superficie industrial dispoñible.

Ethel Vázquez tamén se referiu á outra das actuacións do departamento de Infraestruturas da Xunta en Arteixo para a mellora dos accesos ás zonas industriais e, en concreto, ás obras que se están a executar cara ao parque empresarial de Sabón, nas que a Xunta está a investir máis de 1,1 millóns de euros.

Neste caso as obras consisten na ampliación da estrada autonómica que une A Coruña e Cee, a AC-552, nun treito da travesía de Vilarrodís, á altura do polígono de Sabón. Uns traballos iniciados en marzo e cun prazo de execución de 6 meses que, tal e como sinalou, prevén o seu remate no mes de setembro.

Esta ampliación, continuou dicindo a conselleira, permitirá dotar a estrada neste treito dun segundo carril en sentido Fisterra, ademais da correspondente beiravía e zona de aparcadoiro, o que incidirá na mellora da seguridade viaria e nunha maior fluidez na circulación cara esa zona empresarial.

Ethel Vázquez destacou finalmente que nesta aposta da Xunta por favorecer a mobilidade e mellorar as comunicacións cara os parques empresariais de Sabón e de Morás a Xunta está a investir 5,5 millóns de euros.

Dúas actuacións estratéxicas, subliñou, de cara a facer máis competitivos e dinámicos, se cabe, o que xa son dous centros de actividade económica e industrial de referencia nesta área da Coruña. Polo tanto, concluíu, investimentos en infraestruturas que contribúen á xeración de riqueza e emprego e ao progreso de toda Galicia.