Inicio / Noticias / Ethel Vázquez avanza que a senda entre A Barcia e Roxos estará á disposición dos veciños de Santiago en xaneiro do 2019, cun investimento da Xunta de máis de 1 millón de euros
16/07/2018 - 03:37
Ethel Vázquez avanza que a senda entre A Barcia e Roxos estará á disposición dos veciños de Santiago en xaneiro do 2019, cun investimento da Xunta de máis de 1 millón de euros

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a nova senda peonil entre A Barcia e Roxos estará a disposición dos veciños de Santiago en xaneiro de 2019, grazas a un investimento da Xunta de máis de 1 millóns de euros.

Vázquez Mourelle, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou hoxe a pé de obra o inicio dos traballos deste novo itinerario peonil na estrada AC-543, que une a capital galega coa vila de Noia.

A conselleira indicou que a senda que se executa pola marxe dereita desta estrada de titularidade autonómica, e que unirá os núcleos da Barcia e Roxos, terá unha lonxitude de 2,4 quilómetros e un ancho mínimo de 1,8 metros. E, segundo detallou, construirase en formigón coloreado, para que sexa máis facilmente visible e identificable polos vehículos que circulan polo viario e estará separada da vía por unha zona axardinada.

Referiu que nesta actuación está previsto tamén a execución dunha pequena pasarela de madeira con varanda para salvar o regato existente e, ademais, se aproveitará para instalar a canalización das augas de drenaxe e a colocación de tubaxes, en previsión de futuras necesidades de telefonía ou electricidade.

A titular do departamento de Infraestruturas explicou que esta actuación se enmarca dentro do Plan de Sendas de Galicia e ten como obxectivo que a xente poida facer os seus desprazamentos habituais, a pé ou en bici, dunha forma máis cómoda e segura. As sendas previstas dentro desta iniciativa do Goberno galego cofináncianse con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O itinerario peonil entre A Barcia e Roxos, subliñou a conselleira de Infraestruturas, incidirá na seguridade viaria e a mobilidade en toda o contorno, xa que prolonga a senda existente entre Santiago e Vidán. Engadiu que terá continuidade co itinerario previsto entre Roxos e Aldea Nova, que ten avanzada a súa tramitación administrativa para en poucas semanas prevé aprobar o decreto de utilidade pública da mesma. A estes itinerarios hai que sumar a senda existente nesta mesma estrada, e xa rematado, no Concello de Brión, entre a urbanización Monte Devesa e ata Aldea Buio.A conselleira salientou que cando se remate ao completo as 4 sendas previstas haberá 6 novos quilómetros de itinerarios peonís á beira desta estrada de Noia, cun investimento de 2,4 millóns de euros. E o que é realmente importante, engadiu, coa execución desta novas sendas, unidas ao itinerario xa existente, posibilitarase que os veciños podan ir camiñando de modo seguro ao longo de todo o treito comprendido entre Santiago, Bertamiráns e Brión.

Trátase de intervencións, subliñou, que promoven a convivencia harmónica entre os distintos usuarios das estradas, co obxectivo de lograr contornos urbanos máis seguros. E fomenta, ao tempo, unha mobilidade máis sostible e respectuosa co medio.

A titular de Infraestruturas da Xunta lembrou que coa execución destes itinerarios peonís e ciclistas non deportivas, o plan de Sendas de Galicia está pasando do papel á realidade. E lembrou que o Plan de Sendas na comarca de Santiago recolle, no seu conxunto, 15 quilómetros de novos itinerarios e un investimento de 3,7 millón de euros, con actuacións tamén nos concellos de Teo, Touro ou Boqueixón.

Vázquez Mourelle incidiu na aposta do seu departamento polos investimentos que facilitan os desprazamentos cotiás da xente e incrementan a seguridade viaria, a través da execución de sendas peonís ou as obras de mellora de firme nas estradas de titularidade autonómica. E sinalou as intervencións que hoxe mesmo comezan na estrada de Noia, ao seu paso por Ames, e que tamén se desenvolven na estrada que une Bertamiráns e Negreira, cun investimento de 750.000 euros.