Inicio / Noticias / Ethel Vázquez avanza que a senda peonil e ciclista entre A Susana e A Eirexe, en Boqueixón, estará rematada este verán grazas a un investimento de 600.000 euros

Ethel Vázquez avanza que a senda peonil e ciclista entre A Susana e A Eirexe, en Boqueixón, estará rematada este verán grazas a un investimento de 600.000 euros

14/02/2018 - 02:54

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou hoxe as obras da senda peonil e ciclista entre A Susana e A Eirexe, que estará finalizada este mesmo verán tras o investimento de 600.000 euros.

Trátase da construción dun itinerario de uso mixto, peonil e ciclista, na estrada AC-960, que une Boqueixón co municipio pontevedrés de Vila de Cruces. Concretamente, vaise habilitar unha senda de case 2 km, pola marxe dereita da estrada, que se executará en dous treitos para comunicar o núcleo da Susana e o lugar da Eirexe, logrando así un itinerario continuo entre ambas as poboacións: nun primeiro treito, unirá A Susana co polígono industrial de Sergude e continuará, nun segundo tramo, ata o lugar da Eirexe.

Vázquez Mourelle explicou que aínda que a senda transcorre nos seus primeiros metros polo termo municipal de Santiago, conseguirase mellorar a mobilidade dos veciños de Boqueixón, posibilitando que poidan realizar os seus desprazamentos habituais, a pé ou en bici, de modo máis cómodo e seguro.

Precisou que se trata dun feito importante, tendo en conta o elevado número de persoas que transitan esta estrada a diario tanto para chegar aos seus postos de traballo, xa que comunica coa zona industrial, como para acceder aos servizos e ao transporte público que percorre a estrada nacional, a N-525, que une Santiago e Ourense.

As obras comprenden outras actuacións, tamén importantes e necesarias para garantir a funcionalidade deste novo itinerario, como a reposición e ampliación da drenaxe, servizos para futuras canalizacións, reposición de sinalización ou a colocación de proteccións peonís.

A conselleira subliñou que a Xunta continúa avanzando con paso firme e sen pausa no desenvolvemento do Plan de Sendas de Galicia para favorecer e vertebrar a mobilidade peonil en 11 comarcas galegas. Indicou que na bisbarra de Santiago, o Goberno galego está a executar máis de 15 km de sendas, dos que máis da metade están rematados ou en obras.

Ethel Vázquez fixo fincapé na aposta da Xunta por unha mobilidade máis saudable e sustentable coa construción de sendas peonís e ciclistas que atenden a criterios de integración paisaxística, sustentabilidade pero, ante todo, de reforzo da seguridade viaria.