Inicio / Noticias / Ethel Vázquez avanza que a senda peonil e ciclista na estradra AC-841, ao seu paso polo parroquia de Reis, en Teo, estará rematada antes do verán, cun investimento de preto de 400.000 euros
31/01/2018 - 02:46
Ethel Vázquez avanza que a senda peonil e ciclista na estradra AC-841, ao seu paso polo parroquia de Reis, en Teo, estará rematada antes do verán, cun investimento de preto de 400.000 euros

Teo (A Coruña), 31 de xaneiro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as obras de construción dunha senda peonil e ciclista na estrada AC-841, ao seu paso pola parroquia de Reis, que estará rematada antes do verán mediante o investimento de preto de 400.000 euros. Estas obras serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Vázquez Mourelle explicou que esta actuación favorecerá a mobilidade dos veciños para facer os seus desprazamentos cotiás, a pé ou en bici, dunha forma máis cómoda e segura.

Trátase dunha senda de arredor de 1 km, que une a zona norte de Pontevea e o consultorio local, un punto no que se inicia a senda que vai ata o Centro de Saúde e a Escola Infantil, que tamén executou a Xunta de Galicia a finais de 2013.

Co obxectivo de reforzar a seguridade viaria de peóns e ciclistas e que a senda sexa máis visible para os vehículos que circulan pola vía, constrúese en formigón coloreado, separada da estrada por un bordo de formigón e elevada con respecto á calzada.

Este itinerario está incluído no Plan de Sendas de Galicia que prevé a construción dunha rede de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe. Na comarca de Santiago, prevense nunha primeira fase máis de 15 km de sendas e un investimento de case 3,7 M €.

Ethel Vázquez indicou que o plan nesta bisbarra xa se está a transformar en feitos porque todas as sendas están en distintas fases da tramitación, estando 2 delas xa rematadas, 2 en execución e outra máis, en Boqueixón, que comezará as súas obras a vindeira semana; e as 2 últimas, en contratación.

O Goberno galego continúa a apostar por sendas sustentables, seguras e integradas na paisaxe nesta comarca de Santiago, así como por investimentos que fomentan unha mobilidade máis respectuosa co medio, que facilitan os desprazamentos cotiás dos veciños e que incrementan a súa seguridade viaria.