Inicio / Noticias / Ethel Vázquez avanza que a Xunta investirá 395.000€ nas novas sendas de Mabegondo e Montouto, que estarán ao servizo dos veciños de Abegondo a finais do verán de 2023
13/06/2022 - 04:09
Ethel Vázquez avanza que a Xunta investirá 395.000€ nas novas sendas de Mabegondo e Montouto, que estarán ao servizo dos veciños de Abegondo a finais do verán de 2023

Abegondo (A Coruña), 13 de xuño de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que a Xunta investirá 395.000 euros nas novas sendas de Mabegondo e Montouto, que estarán ao servizo dos veciños de Abegondo a finais do verán de 2023.

 

Vázquez Mourelle presentou hoxe o proxecto das novas sendas en Abegondo, coincidindo coa publicación, no Diario Oficial de Galicia, do anuncio do inicio da información pública deste proxecto de actuacións na estrada autonómica AC-542, a efectos expropiatorios, tendo en conta que son 19 as fincas necesarias para executar a actuación. Os interesados poderán presentar as súas achegas ata o 27 de xullo.

 

Ethel Vázquez adiantou que o obxectivo é licitar as obras en outono e inicialas no 1º trimestre de 2023, polo que a finais do verán do próximo ano os veciños de Abegondo disporán de 2 novos treitos de senda para facer os seus desprazamentos cotiáns de xeito máis seguro, saudable e tamén sostible.

 

Detallou que se trata de dous treitos de senda na marxe dereita da estrada autonómica, a AC-542, independentes entre si, que se habilitarán nas parroquias de Mabegondo e de Montouto.

No treito de Mabegondo, actualmente hai beirarrúas e aparcadoiros en liña na marxe esquerda, pero en Montouto non hai beirarrúas en ningunha das marxes, polo que cómpre dotar sendas polas que os veciños poidan transitar a pé con seguridade.

En Mabegondo construirase unha senda entre a intersección coa estrada AC-221 e a glorieta situada na intersección coa estrada provincial. O itinerario terá 430 metros de lonxitude.

Na parroquia de Montouto, executarase un itinerario de 480 metros que finalizará no cruce coa estrada provincial.

A conselleira subliñou que, en total, se executaran máis de 900 metros de senda cunha anchura de 2,5 metros, aínda que nalgunha zona concreta disporase dun ancho algo inferior. Explicou, neste sentido, que no itinerario de Mabegondo hai unha zona na que a senda terá 2 metros de ancho para evitar a demolición do peche que delimita o aparcadoiro do supermercado.

Os novos itinerarios executaranse en formigón coloreado, cor terriza, para unha maior integración, e elevados sobre o actual firme da estrada.

Ao longo do trazado dos itinerarios disporanse colectores para a canalización das augas pluviais, que serán recollidas en sumidoiros, que se construirán cada 30 metros no bordo da estrada. Completaranse os traballos co desmonte e a substitución de biondas e das varandas e coa ampliación da drenaxe transversal no tramo de Montouto.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor esta intervención para reforzar a seguridade dos peóns, usuarios vulnerables das estradas, así como para dar continuidade a treitos de senda que a Xunta xa executou en colaboración co Concello.

As sendas contan con financiamento dos fondos europeos React-UE como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.

Xestión eficiente da auga

Ethel Vázquez sinalou Abegondo como exemplo na xestión eficiente da auga, pois sempre se implicou en proxectos que teñen que ver con iniciativas sustentables do uso responsable deste recurso.

Lembrou a súa participación no proxecto para dotar dunha rede de fontes públicas de auga potable os municipios do Camiño Inglés ou a iniciativa ‘Abegondo Rural Supplies’, desenvolvendo un modelo para os abastecementos autónomos descentralizados, unha alternativa ao abastecemento público municipal nas zonas rurais dispersas.

Recordou que estas intervencións son importantes de cara a garantir o servizo de auga potable á poboación rural e dispersa, especialmente tendo en conta a situación de seca prolongada que vive Galicia, estando activada desde febreiro a prealerta por seca na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. Neste sentido, a conselleira fixo un chamamento ao uso responsable e eficiente da auga, coa adopción de medidas para reducir o seu consumo e restrinxindo os usos innecesarios.

Segundo sinalou, precisamente Abegondo elaborou o plan de emerxencia fronte á seca máis completo de todos os presentados polos municipios ante Augas de Galicia, motivo polo que felicitou ao Concello.