Inicio / Noticias / Ethel Vázquez avoga por atender os ríos como corredores fluviais e espazos de reserva de vida que cómpre coidar e protexer
21/05/2019 - 03:48

Bergondo (A Coruña), 21 de maio de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañou hoxe aos alumnos do colexio de Betanzos na visita á zona de especial conservación Betanzos- Mandeo, onde avogou por atender os ríos como corredores fluviais e espazos de reserva de vida que cómpre coidar e protexer.

Vázquez Mourelle destacou que é preciso seguir avanzando nesta nova cultura fluvial, tal como xa está a facer Augas de Galicia co ‘Proxecto Ríos’ en colaboración con Adega.

A actividade de hoxe, promovida pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, realizouse co gallo da conmemoración do Día Europeo da Rede Natura 2000, que busca concienciar sobre o valor ambiental da maior rede de espazos protexidos de Europa.

A titular de Infraestruturas subliñou que Galicia ten un 12% do seu territorio en Rede Natura 2000, conxunto de espazos e territorios delimitados con especies e hábitats emblemáticos cuxa conservación hai que priorizar fronte a outros usos.

Indicou que estes espazos son a "última fronteira" da natureza, polo que a sociedade debe entender o papel que xogan e tratar de harmonizar os aproveitamentos nestas zonas, pois a vida asociada a eles son patrimonio de todos os galegos, de agora e dos que virán despois.

Precisou que moitos ríos e humedais e os ecosistemas asociados están representados nesta Rede Natura e tanto dende Augas de Galicia como desde a Consellería de Medio Ambiente se traballa en proxectos para melloralos, participando coa sociedade civil.

Entre os distintos proxectos, cómpre salientar esta iniciativa de educación ambiental, que se enmarca no programa ‘Life fluvial’ de mellora e xestión sostible das concas fluviais atlánticas na Rede Natura 2000, que ten por obxectivo mellorar o estado de conservación dos ríos.

Durante 3 días, un total de 125 alumnos de Betanzos pasarán por esta actividade e hoxe concretamente, son 50 os rapaces que están a participar nesta xornada. Así, pola mañá xa visitaron o Pazo de Mariñán, realizaron unha actividade de avistamento de aves e construíron caixas niño para facilitarlles un refuxio aos paxaros. Tamén participarán nun taller de identificación e eliminación de flora exótica invasora, dirixido a fomentar e educar aos máis novos na protección dos ecosistemas fluviais.

A conselleira puxo en valor o traballo dos concellos integrantes da Reserva da Biosfera Mariñas-Betanzos, xa que son exemplo de concienciación da protección ambiental e da consecución de proxectos e fondos europeos dedicados ao coidado da natureza.