Inicio / Noticias / Ethel Vázquez destaca o esforzo por mellorar a rede viaria que recollen os orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda para 2018, que impulsan a eliminación de todos os treitos de concentración de accidentes e dos ruídos das estradas
30/10/2017 - 04:11
Ethel Vázquez destaca o esforzo por mellorar a rede viaria que recollen os orzamentos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda para 2018, que impulsan a eliminación de todos os treitos de concentración de accidentes e dos ruídos das estradas

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde destacou o esforzo por mellorar a rede viaria recollido nos Orzamentos do seu departamento para 2018, que impulsan a eliminación de todos os treitos de concentración de accidentes e dos ruídos das estradas.

Trátase da consellería que máis medra respecto das cifras do ano anterior, en concreto, un incremento do 16,5 % que supón 60 millóns máis cos que se acadan 424 millóns de euros.

Vázquez Mourelle salientou que a folla de ruta da consellería para o vindeiro ano consistirá en traballar nos grandes eixos de comunicación e nos investimentos en infraestruturas, aínda que “con cargo ao orzamento actual, sen comprometer hipotecas futuras”.

A titular de Infraestruturas indicou que se continuará co novo estilo de investimento, dando importancia a actuacións máis pequenas e locais, que coordinadas coa política de grandes eixos, permitirán coser o territorio e facer que as melloras cheguen ao cotián e ao rural. Así, estas contas presentan un 58% máis de investimento per cápita nas provincias de Lugo e Ourense.

Estas cifras presentadas hoxe permitirán a posta en marcha de proxectos destinados ao fomento da intermodalidade, iniciándose as obras nas estacións de Santiago, Ourense, Vigo e Pontevedra; ao impulso de grandes eixos de comunicación como a Autovía do Morrazo, ou a Vía Ártabra; ou a construción de vivendas protexidas así como a maior aposta feita nunca pola rehabilitación a través do plan Rexurbe.

Infraestruturas

Os Orzamentos da Axencia Galega de Infraestruturas ascenden a 280 M€, un 12% máis que en 2017, o que posibilitará ter en 2018 máis de 100 obras en marcha ao longo e ancho de Galicia. Este incremento é posible grazas aos máis de 6 M€ que se deixan de gastar no pago da subvención dunha peaxe estatal, o que supón aforrar 400 M€ en plurianualidades e ten un impacto equivalente a incrementar nun ano a vida futura da Consellería.

O Goberno galego continuará co desenvolvemento do Plan de Reforzos de Firme, que incrementa de modo moi importante a súa dotación de 15 a 20 M€. Estes traballos serán complementados coa conservación ordinaria da rede autonómica de estradas e o Plan de Vialidade Invernal, garantidos cunha importante partida de máis de 23 M€.

A conselleira subliñou un aumento do 34 % nas partidas destinadas a seguridade viaria, o que permitirá levar a cabo a estratexia para actuar en todos os treitos de concentración de accidentes da rede autonómica de estradas nesta lexislatura.

A Consellería de Infraestruturas tamén continuará a facer fincapé na concienciación mediante accións para acadar condutas axeitadas e incrementar a seguridade viaria. Para isto, estas contas autonómicas recollen unha partida que multiplica por cinco o importe destinado no pasado exercicio.

Outro punto clave na acción da consellería é o avance no Plan de Sendas, rematando actuacións en execución ou xa licitadas como a de Laracha – O Cancelo na AC-552, a que unirá Ares e Mugardos a través da AC-130, ou Gondomar coa Ramallosa, na PO-340. Tamén se impulsarán novas actuacións desta primeira fase como o remate da senda entre Portonovo e A Lanzada, na PO-308, ou a que unirá Covelo e Raxó. Ademais, comezarán as actuacións da 2ª fase nas comarcas de Pontevedra, Morrazo, Ourense e Lugo.

Ethel Vázquez lembrou que este Goberno aumentou un 66% as vías de altas prestacións e continúa a traballar para estendela e mellorar a súa funcionalidade e calidade, convertendo corredores en autovías, con actuacións racionais e viables executadas por unha vía orzamentaria reforzada pola recuperación económica.

No ano 2018 a Xunta porá en servizo a autovía do Morrazo, nos seus 7 primeiros quilómetros. Na vindeira primavera, entrarán en funcionamento os dous primeiros treitos, xa como autovía. Este ano será de máximo rendemento no terceiro treito, xa en obras e que achegará cada vez máis a autovía ao enlace de Cangas.

Tamén se iniciará no 2018 a obra da conexión entre o polígono de San Cibrao e a A-52, e se licitarán e iniciarán as obras da VAP Tui – A Guarda, ou da conexión entre a vía Ártabra e a AP-9. Continuarase avanzando en eixos como a autovía Santiago – A Estrada, a conversión en autovía do Corredor Nadela – Sarria ou VAP Costa Norte, avanzando nas expropiacións e nos proxectos construtivos.

O próximo ano tamén será obxecto do comezo do acondicionamento das entradas dos camiños de Santiago en Compostela, para a súa mellor integración paisaxística, no marco do Plan que a Xunta de Galicia puxo en marcha coa vista posta no vindeiro Xacobeo 2021.

Co mesmo obxectivo de acadar unhas estradas máis integradoras dos diferentes usuarios e cunha mellor relación coa súa contorna, o Goberno galego está a ultimar a redacción do Plan de acción fronte ao ruído, con medidas a executar en 2019 e 2020.

Vivenda

Vázquez Mourelle sinalou que a Xunta, no ámbito de vivenda, compatibilizará o apoio á rehabilitación e o traballo para facilitar un fogar a quen máis o necesita. Para iso, o Instituto Galego da Vivenda e o Solo contará cun 5% máis de recursos para chegar aos 93 M€, un nivel de gasto que se eleva aos 116 millóns cos orzamentos de Xestur Galicia e do Consorcio Casco Vello de Vigo.

O Goberno galego mantén o compromiso de ofrecer unha axuda a todos os afectados por desafiuzamentos que cumpran os requisitos e o soliciten, grazas ás 12 medidas que se continuarán aplicando cun total de 2,6 M€ destinados. Trátase do Programa de Realoxo de Afectados por Execucións Hipotecarias, o Bono de Alugueiro Social ou o Programa de Vivendas Baleiras, entre outras.

A atención aos máis desfavorecidos pasa tamén pola dotación de novas vivendas de promoción pública, para o cal a Xunta disporá o ano próximo de 7 M€, o que permitirá iniciar a construción de 40 vivendas de promoción pública no parque Ofimático da Coruña, ou tamén en Vigo, Ourense e Santiago de Compostela.

A Xunta dispón, a través de Xestur, de solo urbanizado en Ferrol, Lugo e Pontevedra e está a actuar no concello da Coruña, no Ofimático, cun total de 2,5 M€ para o vindeiro ano, así como en San Paio de Navia, en Vigo, cun orzamento para a ampliación do polígono que superará os 7 M€.

A responsable autonómica de Vivenda fixo fincapé en que o seu departamento continuará impulsando en paralelo a rehabilitación de vivendas, cunha partida de 33 M€, un 35 % máis que no 2016, destinados a actuacións directas e axudas a particulares e promotores.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda tamén conta con 10 M€ destinados ao Fondo de cooperación cos concellos e 9 M para o programa Rexurbe, co que se intensificarán as actuacións de rehabilitación en zonas que actualmente se atopan degradadas.

Esta nova figura de rehabilitación complementará as áreas de rehabilitación existentes, ás que en 2018 se dedicarán máis de 11 M€. Entre outras axudas, continuarán aplicándose as destinadas á restauración de vivendas de mestres, á instalación de ascensores, ou ao Rehaluga para a rehabilitación de vivendas incluídas no Programa de Vivendas Baleiras.

Solo empresarial

O Goberno galego, grazas aos incentivos implantados en 2015 para facilitar o acceso ao solo industrial, adxudicou máis de un millón de metros cadrados que supoñen máis do 35 por cento da superficie dispoñible para venda, acadando niveis pre-crise. Neste sentido, en 2018 a Xunta continuará aplicando as bonificacións no prezo e a posibilidade de adxudicación en dereito de superficie e tamén coa promoción de novos parques empresariais alí onde se concentra a demanda.

A Xunta investirá na PLISAN 4,8 M€ en obras e pagos de expropiacións, unha actuación á que cómpre engadir os investimentos da Autoridade Portuaria de Vigo e do Consorcio Zona Franca. Xa están rematadas as obras da primeira fase dos sistemas xerais, está adxudicada a Edar e antes de rematar 2017 licitarase para executar no ano 2018 as obras da urbanización interior da zona Loxístico-empresarial cun orzamento de máis de 12 M€ e ETAP cun investimento de 5,6 M€. En total, estas obras supoñen un investimento de preto de 21 M€ entre os tres promotores da actuación.

As empresas poderán adquirir solo na PLISAN en breve, xa que está previsto convocar un concurso de venda antes de finais de 2017, cun prezo de 50 euros o metro cadrado para os primeiros 100.000 que se vendan. Tamén se poderá adxudicar solo en forma de dereito de superficie.

Xestur tamén traballará no desenvolvemento de novo solo empresarial no parque de Morás, no concello de Arteixo e en 2018 investirá neste parque preto de 15 M€, o que permitirá continuar coas obras que están en execución e iniciar as conexións exteriores de abastecemento e saneamento. nda de solo empresarial existente na zona e poñer en valor os investimentos xa realizados.

Mobilidade

A conselleira explicou que a Dirección Xeral de Mobilidade conta con preto de 46 M€ en 2018, dos que un 63% se destinan á promoción do transporte público colectivo.

Estas cifras consolidarán a aposta polo Plan de transporte metropolitano de Galicia, cun orzamento de 10,5 M€. O Plan inclúe a tarxeta con descontos para os 14 millóns de viaxes en transporte público realizados polos seus usuarios e o programa Xente Nova polo que 400.000 mozos menores de 19 anos xa viaxan gratis no transporte interurbano.

A primeira fase do Plan de transporte público de Galicia conta cun orzamento para este ano de 19,4 M€. Esta iniciativa xa ten suposto unha mellora de servizos en moitas zonas grazas ao transporte combinado escolar-xeral, que permite a miles de veciños acceso a un autobús que antes vía pasar por diante da súa porta sen poder collelo e ao abaratamento de tarifas, que nalgúns casos chega ao 80%.

Vázquez indicou que estas melloras no transporte de viaxeiros por estrada se verán acompañadas das principais infraestruturas do futuro neste eido, as estacións intermodais. Para este obxectivo, resérvanse 7,2 M€ para comezar as obras destas infraestruturas en Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo e rematar o proxecto da Coruña e avanzar nos traballos en Lugo e Ferrol.