Inicio / Noticias / Ethel Vázquez destaca o investimento de 4,3 millóns da Xunta na transformación da estrada PO-308 entre O Covelo e A Granxa, no concello de Poio
20/07/2020 - 14:49
Ethel Vázquez destaca o investimento de 4,3 millóns da Xunta na transformación da estrada PO-308 entre O Covelo e A Granxa, no concello de Poio

Poio (Pontevedra), 20 de xullo de 2020.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento da Xunta de 4,3 millóns de euros na transformación integral da estrada autonómica PO-308 entre O Covelo e A Granxa, no concello de Poio.

Vázquez Mourelle supervisou hoxe o resultado final das dúas obras executadas de forma paralela nesta estrada, a construción dunha senda peonil entre O Covelo e Raxó; e as actuacións complementarias de mellora da seguridade viaria desde o acceso ao porto do Covelo e ata o miradoiro da Granxa, no límite municipal con Sanxenxo, para a eliminación do treito de concentración de accidentes identificado nesta zona.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou que con estas actuacións dáse cumprimento a unhas obras moi demandas e ao compromiso adquirido polo departamento que dirixe cos veciños do Covelo e Raxó, que hoxe teñen “á súa disposición unha estrada distinta, moito máis funcional, humana e segura, especialmente para os peóns, que poden desprazarse sen risco”, remarcou.

Para iso, tal e como explicou, construíuse unha senda de 3,7 km que permite completar un itinerario continuo desde a travesía de Samieira ata o final da travesía de Raxó, onde enlaza coas beirarrúas que xa existían. Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

En canto á intervención para eliminar o treito de concentración de accidentes, a conselleira sinalou que se actuou nun ámbito algo máis amplo, ao longo de 4 km, mellorando as interseccións, coa construción de 2 novas glorietas e varias semiglorietas; e habilitáronse carrís centrais de espera para os xiros e carrís de aceleración e desaceleración, coa fin de facilitar as incorporacións e saídas da estrada.

De forma complementaria, a intervención permitiu habilitar novas zonas de aparcadoiro, dispoñer sistemas de recollida de augas, instalar marquesiñas, renovar a iluminación e aplicar unha nova capa de rodadura no treito inicial da travesía de Raxó. Adicionalmente, tamén se fixo posible a renovación dos servizos urbanos e a mellora do acceso a esta estrada principal de Poio desde varias vías municipais, contribuíndo á vertebración territorial destas parroquias do Covelo e Raxó.

A conselleira puxo o acento en que estas obras son o comezo dun traballo máis amplo para converter toda a PO-308, entre Pontevedra e A Lanzada, nunha estrada segura, tanto para peóns como para vehículos.

Con ese obxectivo, avanzou, que se está a traballar para dispoñer, o antes posible, dos mellores proxectos para actuar tanto entre Fontela e Combarro, como entre Combarro, Chancelas e Samieira, construíndo sendas e mellorando, tamén, a seguridade viaria.

Isto sumarase ao traballo realizado na PO-308 ao seu paso polo municipio veciño de Sanxenxo, onde este mesmo verán quedarán rematados, tanto o itinerario completo entre Portonovo e A Lanzada, como as obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes en Areas.

Finalmente, Ethel Vázquez subliñou como a Xunta ten en marcha, en servizo ou en proxecto, un amplo conxunto de actuacións por importe de máis de 17 millóns de euros, destinadas a conseguir que a PO-308, se converta nunha referencia de seguridade viaria nas estradas de titularidade da Xunta.