Inicio / Noticias / Ethel Vázquez destaca o investimento de case 750.000 euros na construción dunha senda peonil e unha nova glorieta na estrada AC-840, en Curtis, que estarán rematadas no ano 2018
08/11/2017 - 02:22

Curtis (A Coruña), 8 de novembro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitou hoxe o Concello de Curtis, onde destacou o investimento de case 750.000 euros na construción dunha senda peonil e unha nova glorieta na estrada AC-840, que estarán rematadas no ano 2018.

O novo itinerario permitirá conectar o treito comprendido entre o Alto da Espeniña e a intersección coa estrada autonómica que vai a Montesalgueiro (AC-230). Esta actuación, moi demandada polos veciños, facilitará os seus desprazamentos cotiás e permitirá transitar dun xeito máis cómodo e seguro por esta estrada a partir da vindeira primavera.

Os traballos, que comezaron hai dúas semanas, consisten na construción dun itinerario para peóns pola marxe dereita da estrada, ao longo de 1,7 km, dotando esta zona dunha infraestrutura axeitada para o tránsito a pé porque aquí é onde se concentran vivendas, servizos ou equipamentos, como pode ser o cemiterio.

A nova senda terá un ancho mínimo superior aos 2 metros, será de formigón coloreado, para que sexa facilmente visible e identificable polos vehículos que transitan a estrada e estará separada da estrada por unha zona axardinada máis gabia de seguridade.

Vázquez Mourelle indicou que complementariamente á construción da senda vaise reformar a intersección coa estrada ao cemiterio para facilitar os cambios de sentido e tamén se rehabilitará o firme e executaranse dous muros de contención, accións que suman un investimento da Xunta de máis de medio millón de euros.

O Goberno galego, con esta actuación, contribúe a unha maior integración urbana, ao reforzar as comunicacións entre as zonas onde se concentran os principais servizos e equipamentos, e aposta por unha mobilidade máis sustentable e respectuosa co medio.

Nova glorieta

Esta obra verase completada con outra actuación prevista nesta mesma estrada e na que xa se está traballando, a reforma da intersección da AC-480 coa estrada provincial, situada xusto no punto onde finaliza esta senda.

Este cruce actualmente rexistra unha elevada accidentalidade, polo que se construirá unha glorieta que virá reforzar a seguridade viaria, ao posibilitar os xiros en condicións máis seguras e de maior visibilidade.

O pasado día 3 de novembro iniciouse o proceso de información pública deste proxecto, para que os cidadáns que así o queiran poidan trasladar as súas achegas ata o 19 de decembro. A partir desa data continuarase cos trámites administrativos necesarios para levar a cabo os traballos, que contan cun prazo de execución de 3 meses e cunha achega da Xunta de preto de 237.000 euros.