Inicio / Noticias / Ethel Vázquez destaca o traballo da Xunta para facer posible a estación intermodal de Vigo e aposta por tomala de exemplo para a colaboración institucional a prol da cidade
26/03/2021 - 03:15

Vigo, 26 de marzo de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o traballo da Xunta para facer posible a Estación Intermodal- Vialia Vigo e apostou por tomala como un exemplo que guíe ás Administracións no traballo conxunto e na colaboración leal para a defensa dos intereses da cidade.

Vázquez Mourelle, acompañada pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou na visita ás obras do centro Vialia, xunto coa presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e co alcalde, Abel Caballero.

Subliñou que é unha satisfacción ver convertido case en realidade este proxecto estratéxico, grazas á suma de esforzos das administracións, que segundo recordou, deben manter os cronogramas para rematar as obras este ano.

Apelou ao traballo conxunto para completar tamén a funcionalidade da estación coa Saída Sur ferroviaria que centralice todos os tráficos da cidade e poña a primeira pedra da imprescindible conexión en alta velocidade con Portugal.

Fixo fincapé en que o Goberno galego sempre apostou con determinación por este proxecto para contribuír a ‘facer cidade’ en Vigo. Así, a Xunta achegou un orzamento de 18 millóns de euros, que representa o maior dos investimentos das estacións intermodais de Galicia.

Lembrou que cando a cidade quedou sen PXOM, a Xunta buscou a maneira de evitar que Vigo quedase bloqueada durante anos e perdese os seus proxectos estratéxicos.

Para isto, o Goberno galego elaborou e aprobou unha Lei autonómica para dar amparo urbanístico a iniciativas relevantes para o futuro da cidade como a ampliación da PSA ou a propia estación intermodal.

Manifestou a complexidade do complexo intermodal, tanto no plano económico como no da tramitación administrativa e na execución. Neste sentido, puxo en valor o traballo inxente dos técnicos da Consellería de Infraestruturas por contribuír ao encaixe de todas as pezas.

Ethel Vázquez resaltou a nova estación de autobuses construída pola Xunta no centro da cidade coa fin de integrala na terminal de ferrocarril, achegando así unha peza esencial a este complexo.

Engadiu que coa nova terminal que executa e financia o Goberno galego, Vigo súmase á era da intermodalidade, consolidando en Urzaiz o gran polo de transporte público do sur de Galicia, no que entrarán e sairán 500 autobuses cada día.

A conselleira explicou, ademais, que esta semana comezaron as obras de demolición da estación provisional de Renfe, que se prolongarán durante dous meses e que supoñen un fito de gran relevancia.

A titular de Infraestruturas salientou que este complexo tamén levará aparellada unha importante transformación urbana, a través duns accesos que abrirán unha nova porta de entrada á cidade.