Inicio / Noticias / Ethel Vázquez fai un chamamento aos usuarios das estradas a extremar a vixilancia e o cumprimento das normas co fin de mellorar a seguridade viaria
27/02/2019 - 02:50
Ethel Vázquez fai un chamamento aos usuarios das estradas a extremar a vixilancia e o cumprimento das normas co fin de mellorar a seguridade viaria

A Coruña, 27 de febreiro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, participou hoxe na reunión da Comisión Autonómica de Tráfico e Seguridade na Circulación Vial, onde fixo un chamamento para que os usuarios das estradas extremen a vixilancia e o cumprimento das normas co fin de mellorar a seguridade viaria.

Nesta xuntanza tamén estiveron presentes o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel.

Este encontro dálle continuidade á reunión levada a cabo en novembro, na que o Goberno galego presentou unha proposta de acordo cos compromisos a desenvolver por cada administración, que cómpre asinar para seguir avanzando nesta materia.

A seguridade nas estradas é prioritaria para a Xunta, polo que no marco do Plan de Seguridade Viaria 2016- 2020 se está a actuar sobre dous elementos fundamentais como o factor humano e as propias vías.

Vázquez Mourelle concretou que no que se refire aos usuarios das estradas, o Goberno galego está a impulsar campañas de sensibilización para condutores, ciclistas, peóns e escolares. Estes programas desenvólvense coa colaboración da Federación Galega de Ciclismo, de deportistas de primeiro nivel ou da Dirección Xeral de Tráfico.

O Executivo autonómico volverá centrar este ano algunhas destas campañas de concienciación na importancia de evitar as distraccións na condución, pois habitualmente son a causa de accidentes.

A Xunta ten en marcha o reparto de preto de 33.000 prendas reflectoras para ciclistas e peóns co fin de que se fagan ver na estrada.

Tamén se están a realizar cursos de condución segura para motoristas, que teñen unha gran aceptación entre o público.

Ademais seguen as campañas de educación entre os máis pequenos coas unidades didácticas de O corazón está do teu lado.

No relativo ás melloras nas estradas, a Xunta continúa traballando no Plan de Sendas de Galicia co obxectivo de facilitar unha mobilidade máis segura aos usuarios máis vulnerables das vías, que son os peóns e os ciclistas.

Na actualidade tamén está en pleno desenvolvemento a execución de varias obras para a eliminación de todos os treitos de concentración de accidentes das estradas autonómicas de Galicia.

Paralelamente, o departamento que dirixe Ethel Vázquez traballa na eliminación de obstáculos que poden resultar potencialmente perigosos para os condutores, apostando polo concepto de estradas que perdoan.

Ademais, a Consellería de Infraestruturas ten previsto iniciar este verán as obras para a mellora da seguridade viaria nos treitos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, que coinciden coa traza da estrada LU-633, cun orzamento de case 700.000 euros.

As intervencións buscan favorecer a mobilidade dos peregrinos, facer que a ruta Xacobea sexa máis segura e lograr unha convivencia máis harmónica entre peregrinos e vehículos.

A estas actuacións cómpre engadir outras coincidentes coa traza das distintas rutas, como as ligadas ao Camiño nos accesos a Compostela, e as previstas noutros puntos da rede de estradas da Xunta na provincia de Pontevedra e Ourense.