Inicio / Noticias / Ethel Vázquez garante que a Xunta demandará ao Ministerio de Transportes o impulso efectivo da autovía Ourense-Lugo como actuación estratéxica e prioritaria para a vertebración de Galicia
31/03/2021 - 05:43
Ethel Vázquez garante que a Xunta demandará ao Ministerio de Transportes o impulso efectivo da autovía Ourense-Lugo como actuación estratéxica e prioritaria para a vertebración de Galicia

Vilamarín (Ourense), 31 de marzo de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, garantiu hoxe que a Xunta demandará ao Minsiterio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o impulso efectivo da autovía Ourense-Lugo, a A-56, como unha actuación “estratéxica e prioritaria para a vertebración de Galicia”.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, acompañada dos delegados provinciais da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e en Lugo, Javier Arias, participou hoxe nunha xuntanza no concello de Vilamarín cos alcaldes e representantes das institucións integradas na Plataforma A-56.

No encontro, a conselleira trasladou que a Xunta comparte a preocupación dos concellos pola falta de avances na Autovía Ourense-Lugo, que foi planificada hai xa 18 anos e, sen embargo, só ten executado o 9% do investimento e arredor do 13% do trazado.

Trátase, dixo do eixe fundamental para comunicar as provincias de Ourense e Lugo, conectando no norte coa A-54 (Lugo-Santiago) e no sur coa A-52 (Autovía das Rías Baixas), vertebrando o interior da Comunidade e conectando unha poboación de 250.000 persoas coa Galicia Atlántica e a Meseta.

Ethel Vázquez lembrou que o único treito en servizo da A-56, o que une San Martiño coa Barrela, abriu ao tráfico o pasado mes de outubro despois de máis de 10 anos de obras e sen ofrecer en solitario ningunha funcionalidade aos concellos e veciños da contorna.

Lembrou a xuntanza mantida pola Plataforma co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o pasado outono, no que o Goberno galego manifestou a súa inquedanza pola falta de progresos desta infraestrutura, unha preocupación agudizada tras a presentación dos Orzamentos do Estado para 2021, que non conteñen partidas para impulsar novos treitos.

A conselleira asegurou que o Goberno galego apoia a posición dos concellos, que consideran necesario priorizar os treitos de San Martiño-Cambeo, polo sur, e do intercambiador de Guntín, polo norte.

Xunto con isto, apuntou que a cidade de Ourense agarda desde o ano 2018 que se cumpra o compromiso adquirido coa cidade de licitar as obras do treito Eirasvedras-Quintela, correspondente coa Variante Norte da urbe.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade asegurou que na xuntanza que terá lugar o vindeiro mes de abril co ministro de Transportes, José Luis Ábalos, a Xunta demandará avances reais e efectivos na Autovía Ourense-Lugo, así como axilidade para rematar as obras da A-54 (Lugo-Santiago) e un compromiso de que o Goberno vai actuar “sen retrasos nin recortes” para conectar Lugo coa alta velocidade ferroviaria.