Inicio / Noticias / Ethel Vázquez informa aos alcaldes da comarca do inicio dos trámites necesarios para impulsar a conversión en autovía da vía de altas prestacións Brión-Noia
14/12/2017 - 05:37
Ethel Vázquez informa aos alcaldes da comarca do inicio dos trámites necesarios para impulsar a conversión en autovía da vía de altas prestacións Brión-Noia

Santiago, 14 de decembro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe un encontro de traballo cos alcaldes de Noia, Brión, Lousame e Rois, no que os informou do inicio dos trámites necesarios para impulsar a conversión en autovía da vía de altas prestacións Brión- Noia.

Vázquez Mourelle trasladou aos rexedores de Noia, Brión, Lousame e Rois que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado luns a licitación do contrato da redacción do proxecto da 1ª fase do desdobramento, cun prazo de 18 meses e un importe duns 253.000 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas para a redacción do proxecto ata o vindeiro 29 de decembro.

A titular de Infraestruturas recordou que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2018 contemplan unha partida de 250.000 euros para esta actuación, mostra do compromiso do Goberno galego coas demandas desta bisbarra. Explicou que os terreos están xa expropiados, pois o Goberno galego, ao executar esta vía, preveu a futura conversión en autovía.

A primeira fase do desdobramento, cun investimento duns 26 millóns de euros, correspóndese cos primeiros 10 quilómetros, desde o entronque coa autoestrada AG-56 ata o Pq. 21 aproximadamente.

A VAP ten unha lonxitude total de 18,2 km, co inicio no Pq. 12+300 da AG-56 e o final no entronque coa variante de Noia. Esta infraestrutura consta de catro enlaces: Urdilde, Martelo, Sampaio e Pontenafonso. A velocidade establecida é de 120 Km/h en case toda a lonxitude do treito, excepto no entronque coa variante de Noia, onde se reducirá a 100 Km/h.

Cómpre lembrar que en outubro de 2010 abríronse ao tráfico os primeiros 6,5 km desta vía, poñéndose en servizo o tramo restante en febreiro de 2011. Esta infraestrutura supón a vertebración de toda a comarca, mellorando a seguridade viaria nas estradas da zona, ao desconxestionar a vía convencional que presenta un trazado complicado.