Inicio / Noticias / Ethel Vázquez salienta o investimento de 780.000 euros no acondicionamento da estrada Lavacolla-Sigüeiro, vía estratéxica nas comunicacións co aeroporto e preparada para o Xacobeo 2021
17/06/2019 - 03:50
Ethel Vázquez salienta o investimento de 780.000 euros no acondicionamento da estrada Lavacolla-Sigüeiro,  vía estratéxica nas comunicacións co aeroporto e preparada para o Xacobeo 2021

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2019.- A consellería de Infraestruturas e Mobilidade salientou hoxe o acondicionamento da estrada AC-250, que une Lavacolla-Sigüeiro, cun investimento de 780.000 euros que permitiu o reforzo integral desta vía estratéxica nas comunicacións co aeroporto de Santiago, facéndoa máis cómoda e segura para os seus usuarios e tamén estar preparada para o Xacobeo 2021.

Vázquez Mourelle quixo comprobar sobre o terreo o resultado das actuacións de mellora do firme rematadas recentemente ao longo dos máis de 6 quilómetros desta infraestrutura, co obxectivo de ofrecer un mellor servizo a veciños e usuarios pero tamén mellor aos turistas que se acheguen a Santiago a través do aeroporto e xa coa vista posta nese grande acontecemento que vivirá a capital de Galicia no ano 2021 incidiu.

A conselleira concretou que na mellora integral do firme levada a cabo nesta principal vía de comunicación da zona norte da provincia co aeroporto de Santiago, permitiu a reparación das zonas que presentaban gretas, a rehabilitación total do firme ao tempo que se habilitaron cunetas de seguridade e gabias transitables pola marxe dereita en zonas puntuais da estrada. Tamén indicou que esta intervención se inclúe nun contrato maior que recolle reparacións do firme en 6 estradas autonómicas da provincia, beneficiando a 8 concellos da contorna de Santiago.

Sinalou que desde a Xunta se está a traballar intensamente na mellora da seguridade viaria dos 5.500 km que compoñen a rede viaria de titularidade autonómica. E puxo como exemplo da labor de conservación permanente esta intervención na vía que une Lavacolla e Sigüeiro, principal infraestrutura de comunicación da zona norte da provincia co aeroporto de Santiago. Neste sentido, indicou que desde que comezou a desenvolver o Plan de reforzos de firme, en 2016, a Xunta actuou xa no 42% da extensión da rede autonómica.

A conselleira explicou que neste ano 2019 a consignación orzamentaria do plan subiu ata os 21,7 millóns de euros, coa fin de chegar a máis estradas, con licitacións que se levan realizando xa desde o inicio de ano e que permitirán, por exemplo, que en xullo se poidan iniciar novos reforzos de firme en varias estradas da área da Coruña, por importe de 600.000 euros.

A conselleira solicitou, con ánimo construtivo e colaborador, a mesma implicación do Ministerio de Fomento para mellorar o estado das estradas da súa titularidade no contorno de Santiago, especialmente o Periférico e a avenida de Asturias, por seguridade viaria e tamén tendo en conta que estamos ás portas do próximo Xacobeo.