Inicio / Noticias / Ethel Vázquez salienta o investimento de preto de 5 millóns de euros no reforzo da seguridade viaria na estrada PO-308 no Concello de Poio
01/10/2018 - 05:26
Ethel Vázquez salienta o investimento de preto de 5 millóns de euros no reforzo da seguridade viaria na estrada PO-308 no Concello de Poio

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe o investimento de preto de 5 millóns de euros no reforzo da seguridade viaria na estrada PO-308 (Pontevedra -A Lanzada), ao seu paso polo Concello de Poio, a través das iniciativas do Plan de Sendas da comarca de Pontevedra e a estratexia de eliminación dos treitos de concentración de accidentes.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, supervisou hoxe en Poio as obras da nova senda peonil e ciclista entre O Covelo e Raxó na estrada PO-308, actuación, lembrou, demandada polos veciños e que ten por obxectivo garantir as condicións de seguridade a todos os usuarios que transitan e circulan por estrada, especialmente os máis vulnerables. A conselleira salientou que á Xunta lle tería gustado iniciar esta obra antes pero a falta de dispoñibilidade dos terreos e a necesidade de realizar un proceso expropiatorio demorou a actuación.

Trátase dunha senda mixta, na que se está a investir máis de 2 millóns de euros, que permitirá completar un itinerario seguro e sustentable de 3,7 km, desde a travesía de Samieira ata o final da travesía de Raxó, onde conectará coas beirarrúas xa existentes.

Sinalou que na construción desta senda realizaranse tamén unha serie de actuacións complementarias para garantir unha maior funcionalidade. E explicou que entre os traballos a realizar inclúese a dotación de zonas de aparcadoiro, alí onde haxa espazo, sistemas de recollida de augas de drenaxe, a renovación da iluminación nos treitos necesario; ou nova capa de rodadura no treito inicial da travesía de Raxó.

Adiantou que a execución desta senda mixta entre O Covelo e Raxó, que ten un prazo de execución de 12 meses, estará a disposición dos veciños de Poio no outono de 2019. Un novo itinerario, engadiu, que vai permitir facer desprazamentos dunha forma máis cómoda e segura, algo moi importante, nunha unha zona moi urbanizada, con moitas vivendas e restaurantes na marxe da estrada.

Ethel Vázquez tamén se referiu aos avances do seu departamento noutra obra moi importante para a comarca, e que se engloba na estratexia da Xunta para ter eliminados en 2020 os treitos de concentración de accidentes existentes nas estradas autonómicas.

Trátase das obras de reforzo da seguridade viaria na PO-308 entre O Covelo e A Granxa, que cun investimento de case 2 millóns de euros, beneficiará aos concellos de Poio e de Sanxenxo.

Unha actuación, seguiu dicindo, que incrementará a seguridade nun treito desta estrada de algo máis de 4 km, entre o acceso ao porto do Covelo e o miradoiro da Granxa. O obxectivo, indicou, é que as obras para a eliminación dos treitos de concentración de accidentes se compaxinen cos da senda O Covelo-Raxó e se poñan en servizo conxuntamente, no outono de 2019.

Indicou que os traballos desta nova intervención prevén iniciarse este mesmo ano, polo que o departamento que dirixe adxudicará en cuestión de días as obras, toda vez que xa están convocados os propietarios para o pago dos depósitos previos á ocupación dos terreos necesarios para a execución das obras.

Segundo abundou, nesta intervención realizarase melloras nas interseccións da estrada, a través da construción de varias semiglorietas e 2 glorietas, no entronque coa estrada autonómica en Samieira e na baixada ao porto de Raxó, onde se construirá tamén un novo acceso. Ademais se executarán carrís centrais de espera para os xiros, e carrís de aceleración e desaceleración, para facilitar as incorporacións e saídas da estrada. E a construción de pequenos treitos de senda.

A titular do departamento de Infraestruturas, mencionou ademais outros traballos do seu departamento, sinalando que en breve se someterán a información pública 2 novos proxectos de sendas nesta mesma estrada e no Concello de Poio, entre Fontela-Combarro e Combarro-Chancelas-Samieira. En definitiva, concluíu, novos itinerarios que se sumarán aos outros 3 da estrada PO-308 en Sanxenxo, 2 deles xa executados e o terceiro próximo a ser licitado.