Inicio / Noticias / Ethel Vázquez salienta que Santiago contará nos primeiros días do 2020 coa primeira estación intermodal de Galicia preparada para a chegada do AVE e a celebración do Xacobeo
11/01/2019 - 03:17
Ethel Vázquez salienta que Santiago contará nos primeiros días do 2020 coa primeira estación intermodal de Galicia preparada para a chegada do AVE e a celebración do Xacobeo

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2019.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, amosou hoxe os avances nos traballos da estación de autobuses integrada na intermodal de Santiago de Compostela, que tal e como subliñou permitirá contar nos primeiros días do 2020 coa primeira estación intermodal de Galicia, deixando preparada a capital de Galicia para a chegada do AVE e os miles de visitantes que espera Galicia coa celebración do Xacobeo 2021.

Vázquez Mourelle sinalou que a Xunta está a liderar e a impulsar a intermodalidade, traballando de forma decidida para que as principais cidades galegas conten con estacións modernas e adaptadas á alta velocidade ferroviaria coas liñas regulares de autobús.

No caso de Santiago, lembrou que se trata dun ambicioso do proxecto, na súa estética e nas súas dimensións, coa construción dun edificio de 2 andares, cun total de 36 dársenas, e nunha superficie que supera os 13.000 m2, e que deixa ademais preparado o terreo para executar, en caso de necesidade, un aparcadoiro e unha área de servizo para os vehículos.

Destacou a aposta da Xunta por situar a nova estación de autobuses no corazón da cidade e ao carón da estación de Renfe, da man do administrador ferroviario ADIF e do Concello, deseñando tamén o edificio como un novo miradoiro, un balcón sobre o Sar. Complementando esta actuación coa execución da pasarela peonil cuberta que unirá esta terminal coa de ferrocarril, e que servirá de conexión entre a rúa do Hórreo e a avenida de Clara Campoamor.

Deste xeito, apuntou a como a nova estación intermodal facilitará a permeabilidade entre os barrios do Ensanche e Pontepedriña, artellando ademais unha nova trama urbana e unha maior ordenación viaria nesta contorna. E neste sentido, Ethel Vázquez expresou a súa confianza en que o Concello de Santiago axilice as súas actuacións o máximo posible para que os accesos estean listos en canto a estación de autobuses estea rematada.

Na visita da Conselleira ás obras, explicáronse polo miúdo as actuacións iniciadas o pasado mes de xullo e que fan posible que, a día de hoxe, as máquinas estean a pleno rendemento. Concretou que, ata este momento, se executaron as labores de roza da parcela, a demolición das naves de Koipe, e case a totalidade do muro de contención que separa esta parcela coa zona da estación de ferrocarril.

Tamén dixo que se está a rematar a escavación para deixar esta parcela á cota de asentamento do futuro edificio, rasante coa avenida Clara Campoamor, que está previsto rematar ao longo deste mes de xaneiro para iniciar, despois, a cimentación.

Incidiu así en como a nova terminal, que centralizará nun único punto o autobús, o ferrocarril, o taxi e a liña lanzadeira ao aeroporto, permitirá ademais cun investimento da Xunta de Galicia de 12 M€ facer cidade e converter esta zona da cidade nun punto de encontro máis humano e nunha gran oportunidade para facilitar e potenciar o uso do transporte público, mellorar a calidade de vida dos cidadáns e reforzar a competitividade de Santiago como destino de referencia para Galicia.

E neste sentido, remarcou o salto cualitativo que suporá este proxecto estratéxico nos niveis de emprego do transporte público en Santiago e na súa área, ao facilitar un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte. Tamén salientou a enorme relevancia de esta infraestrutura no proceso de construción da cidade, cun papel clave na vertebración e na cohesión entre os barrios de Santiago.