Inicio / Noticias / Ethel Vázquez solicita a máxima axilidade administrativa para incorporar A Coruña ao mapa da intermodalidade e facilitar que a Xunta invista case 17,5 M€ na nova estación de autobuses
25/05/2021 - 04:39
Ethel Vázquez solicita a máxima axilidade administrativa para incorporar A Coruña ao mapa da intermodalidade e facilitar que a Xunta invista case 17,5 M€ na nova estación de autobuses

Madrid, 25 de maio de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, solicitou hoxe a máxima axilidade administrativa para incorporar a cidade da Coruña ao mapa da intermodalidade e facilitar que a Xunta invista case 17,5 millóns de euros na nova estación de autobuses.

A conselleira asinou hoxe co ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, coa presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o convenio marco de colaboración para o desenvolvemento da estación intermodal. No acto tamén participou o delegado territorial do Goberno galego na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor.

Vázquez Mourelle subliñou a importancia deste fito, co que as tres administracións selan a súa vontade de traballar xuntas para que A Coruña teña unha estación intermodal á altura das grandes cidades europeas.

Apuntou que o Goberno galego vén defendendo que o acordo é a única vía posible para desenvolver as estacións intermodais en Galicia, tal como xa se fixo en cidades como Ourense ou Santiago de Compostela, que hoxe teñen estas infraestruturas en funcionamento.

O obxectivo agora é conseguir o mesmo para A Coruña, materializando un investimento conxunto de case 80 M€, para o que, lembrou Ethel Vázquez, aínda é necesario superar varios trámites pendentes.

Detallou que as obras correspondentes ao Executivo autonómico inclúen, ademais da nova estación de autobuses integrada na de ferrocarril, a execución do aparcadoiro que irá situado baixo a terminal e cuxo financiamento, con 10 M€, asumirán o Concello e o Ministerio de Transportes, cun reparto que debe concretarse nun novo e urxente convenio.

Segundo dixo a conselleira, as tres administracións pecharon o pasado mes de outubro o acordo sobre un texto de convenio que, sen embargo, non foi posible asinar ata hoxe polo retraso na tramitación administrativa, que se prolongou durante máis de 7 meses no caso do Goberno de España.

Ethel Vázquez resaltou que agora cómpre asinar varios convenios de desenvolvemento para os que cómpre unha maior celeridade por parte do Ministerio.

Remarcou este proxecto estratéxico para dotar á cidade herculina dunha infraestrutura que funcione como un gran centro de transporte público e permita o intercambio entre o autobús en cuestión de poucos minutos. Trátase de facilitar o acceso ao Eixo Atlántico ou ao AVE, cando chegue, desde a cidade da Coruña, pero tamén desde os concellos da área ou desde a Costa da Morte.

A conselleira destacou que a estación intermodal tamén debe contribuír a facer cidade, ordenando e humanizando todo o ámbito da actual terminal e dotando a zona de Sardiñeira dun novo aparcadoiro con 325 prazas.

Puxo en valor a aposta da Xunta pola cidade da Coruña, onde está a construír vivenda pública ou un novo hospital público e a impulsar a estación intermodal. Así mesmo, recordou que o Executivo autonómico vén de conseguir un compromiso co tren a Punta Langosteira. Neste sentido, convidou tamén ao Concello e ao Ministerio a sumarse a un gran acordo pola recuperación da fachada marítima e polo futuro do Porto.