Inicio / Noticias / Ethel Vázquez solicita que o Concello das Neves se sume á demanda dun reparto xusto dos fondos Next Generation para facilitar a execución de sendas no municipio
08/09/2021 - 06:35

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2021.- A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pediu hoxe a implicación do Concello das Neves para reclamar do Goberno de España un cambio nos criterios de reparto dos fondos Next Generation de mobilidade que permitan a avanzar a un maior ritmo na execución de proxectos estratéxicos para o municipio.

Durante o encontro de traballo que mantivo este mediodía co alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, Ethel Vázquez lembrou que os condicionantes que impón o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana dificultan os investimentos nos municipios máis pequenos, ao primar aos concellos de máis de 50.000 habitantes. Isto, na práctica, supón deixar á marxe deste financiamento extraordinario ao 97,8% dos municipios galegos, entre eles, o das Neves.

Isto, dixo, dificulta o desenvolvemento de actuacións estratéxicas nos municipios máis pequenos. No caso concreto das Neves, por exemplo, impide que se poida avanzar a un maior ritmo na execución de sendas peonís e ciclistas, como as da estrada autonómica PO-415 ou a senda para uso peonil e ciclista na PO-400, que solicita o Concello.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade pediu o alcalde que se sume á declaración institucional ‘Por un rural forte e conectado’ á que xa se teñen adherido 153 concellos galegos. O obxectivo desta declaración institucional, que a Xunta xa remitiu ao Ministerio, é reclamar un reparto equilibrado dos fondos, para que tamén os municipios máis pequenos poidan impulsar actuación que favorezan o seu desenvolvemento e melloren a calidade de vida dos seus veciños. Ethel Vázquez remarcou que un cambio de criterios no reparto de fondos permitiría avanzar con maior determinación na construción destes itinerarios peonís e ciclistas no municipio.

Explicou, en todo caso, que a Xunta está a redactar o Plan de Sendas das comarcas do Baixo Miño e do Condado, co obxectivo de determinar os itinerarios que, desde o punto de vista técnico e da seguridade viaria, se consideran prioritarios nestes concellos, no marco do cal que se estudará o encaixe das propostas trasladadas polo Concello.

Por outra banda, Ethel Vázquez incidiu na axuda que a Xunta lle vén prestando aos municipios galegos no desenvolvemento das súas competencias municipais de abastecemento, saneamento e depuración.

Nesta liña lembrou que o Concello das Neves foi beneficiario da orde de axudas para abastecemento, saneamento e depuración nos concellos de menos de 5.000 habitantes lanzada por Augas de Galicia, séndolle outorgadas dúas axudas: unha en materia de abastecemento e outra para a mellora do saneamento, por importe de preto de 100.000 euros.