Inicio / Noticias / A falta de confirmación do Concello de Vigo sobre o remate dos accesos e a autorización do ministerio impiden que a Xunta abra a estación de autobuses intermodal o 1 de agosto
06/07/2022 - 03:31

Vigo, 6 de xullo de 2022 A Xunta de Galicia non poderá abrir a estación de autobuses intermodal de Vigo o vindeiro día 1 de agosto, como tiña previsto inicialmente, ante a falta de confirmación oficial, por parte do Concello de Vigo, de que nesa data terá rematados os accesos e contará coa autorización necesaria do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para o seu uso.

 

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, comunicou que o Goberno galego vese na obriga de retrasar a apertura da estación de autobuses tras ter rematado o prazo dado ao Concello, antes do 4 de xullo, para que achegase a documentación necesaria para activar o traslado dos servizos da vella estación da avenida de Madrid.

 

O Goberno galego remitiulle o pasado 27 de xuño un escrito ao Concello de Vigo solicitándolle a confirmación oficial de que o 31 de xullo tería rematados os accesos, como avanzara na comisión de seguimento o 2 de xuño, e tamén solicitándolle a autorización imprescindible do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para facelo.

 

Cumprido o prazo dado polo Goberno galego, necesario para organizar o traslado de estación, o Concello de Vigo non achegou a documentación acreditativa imprescindible de que o 1 de agosto os autobuses poderán entrar e saír desde os novos accesos que executa o propio Concello nin trasladou a autorización do Ministerio para o seu uso. 

 

Sen esa confirmación a Xunta non pode activar os traballos para o traslado da actividade da estación de autobuses, que inclúe un complexo proceso de información aos concesionarios e usuarios e precisa dunha antelación suficiente, estimada nun mes.

 

O Goberno galego pídelle ao Concello de Vigo responsabilidade e concreción nas datas e na achega da documentación para evitar maior confusión aos usuarios, que deben dispoñer de toda a información sobre o cambio dos servizos de estación con tempo suficiente.

 

A Xunta pedirá, na comisión de seguimento do convenio que está convocada para este mesmo xoves, concreción e certezas ao Concello de Vigo sobre a posta en servizo dos accesos que está a executar e a achega da autorización do Ministerio necesaria para o seu uso.

 

O Goberno galego cumpriu co seu compromiso cos vigueses, ao ter xa finalizada e recepcionada a estación de autobuses intermodal desde o pasado 10 de xuño, logo dun investimento autonómico de 18 M€, que quere poñer ao servizo dos cidadáns canto antes.