Inicio / Noticias / Feijóo avanza a eliminación de todos os treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, con 98 actuacións e un investimento de máis de 12 millóns de euros
26/10/2017 - 06:22
Feijóo avanza a eliminación de todos os treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, con 98 actuacións e un investimento de máis de 12 millóns de euros

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación da Estratexia para a eliminación de treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, que suporá a execución de 98 actuacións nesta lexislatura, cun investimento de 12,3 millóns de euros.

Segundo precisou, a Xunta actuará en todos os treitos de concentración de accidentes. É dicir, actuar en todos os treitos dun quilómetro nos que se produciran 10 ou máis accidentes nos últimos cinco anos. En total, actuarase en 52 puntos negros das estradas galegas.

Unha vez analizadas as tipoloxías dos accidentes que se producen nos mesmos, Feijóo explicou que se levarán a cabo diversas actuacións sobre os puntos concretos nos que se producen os sinistros ou na súa contorna máis próxima.

Así, a estratexia recolle medidas para lograr unha redución da velocidade dos vehículos ao paso pola poboación e a reordenación de accesos, agrupándoos mediante vías de servizo e, sobre todo, vixiando os movementos de xiro á esquerda e impedíndoos onde non sexan seguros e habilitando alternativas de cambio de sentido para manter a funcionalidade.

A construción de rotondas tamén se considera unha opción eficaz naquelas interseccións nas que as vías confluentes teñen tráficos parecidos e nas que se comprobou a ineficacia doutras solucións.

A estratexia tamén fai especial fincapé noutras actuacións a executar como as consistentes na mellora da sinalización horizontal e vertical, e balizamento e tamén recolle o tratamento de marxes e barreiras de seguridade.

A estas actuacións previstas para esta lexislatura, cómpre engadir outras que a Xunta xa está a desenvolver no marco de programas como o Plan de reforzos de firme e o Plan de sendas de Galicia.

En definitiva, Feijóo indicou que se trata dunha estratexia para actuar en todos os puntos negros das estradas galegas e, deste xeito, avanzar no cumprimento do Plan de seguridade viaria 2016-2020, lembrando que o seu principal obxectivo é reducir nun 50% as vítimas mortais nas estradas galegas con respecto ao 2011.