Inicio / Noticias / Feijóo avoga por un modelo estatal de xestión de estradas marcado tanto pola responsabilidade económica como pola equidade territorial
29/10/2019 - 12:47
Feijóo avoga por un modelo estatal de xestión de estradas marcado tanto pola responsabilidade económica como pola equidade territorial

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe, durante a apertura da XXX Semana de la Carretera, por un modelo estatal de xestión de estradas marcado tanto pola responsabilidade económica como pola equidade territorial.

Logo de aseverar que as estradas forman parte fundamental do estado de benestar, de cuxa correcta planificación, execución e conservación dependen a seguridade das persoas, a vertebración do territorio, a competitividade da economía e a calidade de vida dos cidadáns, o presidente da Xunta reiterou o obxectivo do Executivo galego de contribuír a consolidar un sistema que asegure que os cidadáns desfrutarán no futuro das estradas máis seguras, máis sustentables e mellor preparadas para responder ás súas necesidades de mobilidade e progreso económico.

Ao respecto, lembrou que en Galicia, só na última década a rede de vías de altas prestacións aumentou en case un 70%, acercando máis e mellor aos galegos entre si.

Para acadar este fin, Feijóo incidiu na importancia das achegas de todos os sectores representados nesta semana española da estrada e expuxo, ademais, a necesidade de definir o papel das estradas nun contexto marcado por novos condicionantes como a loita contra o cambio climático e as emisións contaminantes, o desenvolvemento tecnolóxico e a crecente cantidade de recursos públicos que se requiren para atender as necesidades prioritarias, e que obriga a un especial esforzo de eficiencia e racionalidade para conservar as xa existentes.

O responsable do Executivo autonómico sostivo que ningún destes retos poderá superarse “a salto de mata” e insistiu no deber de abordar a xestión presente e futura conforme a unha planificación coherente e razoada.

Entendendo as infraestruturas viarias como un factor de cohesión social, de dinamismo económico e de equilibrio territorial, o titular da Xunta lembrou que aínda no peor dos contextos económicos, Galicia definiu con claridade o seu modelo, avanzando na rede e poñendo en servizo 220 novos quilómetros de vías de altas prestacións sen unha soa peaxe.

“E nas mesmas circunstancias, aplicamos as primeiras rebaixas nas dúas autoestradas de peaxe de competencia autonómica que xa existían”, engadiu, subliñando que na actualidade, esas dúas vías, a autopista A Coruña-Carballo e a do Val Miñor, mantéñense como as autoestradas máis baratas de España, cunhas bonificación en horario nocturno, ás que se engadirán, a partir do próximo ano, descontos para familias numerosas.

Paralelamente, Feijóo resaltou o esforzo realizado pola Comunidade na conservación e mellora da seguridade das súas estradas, cuxa extensión, marcada pola dispersión xeográfica, supera os 5.500 quilómetros. Así, referiuse ao fomento da construción de sendas peonís, sobre todo interurbanas, ademais do obxectivo de rematar en 2020 con todos os tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas.

En relación ás estradas de titularidade estatal, remarcou a necesidade de finalizar a autovía entre Lugo e Santiago e a autovía entre Lugo e Ourense; e fixo fincapé na asimetría que representa o crecemento continúo das tarifas da AP-9, a principal arteria de comunicación de Galicia, mentres noutras zonas de España as vías do Estado se converten en libres de peaxes ou desfrutan de bonificacións.