Inicio / Noticias / Feijóo lamenta que a conexión Vigo-Porto non se inclúa no Corredor Atlántico e anima a afondar na cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal para captar fondos europeos
11/03/2019 - 09:34
Feijóo lamenta que a conexión Vigo-Porto non se inclúa no Corredor Atlántico e anima a afondar na cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal para captar fondos europeos

Porto (Portugal), 11 de marzo de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe a mala nova que supón para a Eurorrexión a negativa de incluír a conexión Vigo-Porto no corredor Atlántico e animou a afondar na cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal para captar fondo europeos.

 Durante o acto de celebración do 50 aniversario da creación da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte, Feijóo destacou tamén outros puntos nos que profundar de cara a unha maior cohesión, referíndose, por exemplo, a unha regulación do marco enerxético adecuada, tanto para a electricidade como para o gas; e ao reto demográfico, “que temos que abordar con determinación e no que tamén podemos atopar moitas liñas de colaboración”, precisou.

Así mesmo, recordou os avances acadados noutros eidos como a innovación, o medio ambiente ou o apoio ao tecido produtivo e avogou por seguir colaborando en diversas vías: como a automoción, onde ter unha estratexia coordinada será clave para consolidar este sector con gran competitividade a nivel global; ou de cara ao Xacobeo 2021, para que se converta nunha oportunidade para ambos os dous territorios, reforzando todas as rutas, incluída a do Camiño Portugués.

Neste mesmo sentido, resaltou outros logros como a posta en funcionamento da Agrupación Europea de Cooperación Territorial, un instrumento xurídico que facilita e garante unha cooperación fluída entre entidades de diferentes Estados; o Programa operativo POCTEP, que facilita o financiamento de proxectos concretos e facilita a cohesión social e económica; o Plan de investimentos conxuntos, que permite unha planificación conxunta; a constitución das Eurocidades; ou o éxito do Programa Iacobus de intercambio universitario.

O presidente do Goberno galego aproveitou a celebración dos 50 anos do CCDR-N ao servizo dos portugueses para pedir que así como Galicia e o Norte de Portugal fomos pioneiros na creación da primeira eurorrexión europea, debemos ser tamén os primeiros defensores da Unión.

“Institucións como a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte son o exemplo de que non debemos desandar o camiño percorrido. Cincuenta anos avalan unha institución importantísima para a relación con Galicia”, dixo, incidindo en que para os escépticos, esta colaboración é a proba do que Europa significa.

“A colaboración que mantivemos neste tempo é a maior garantía de que Europa funciona e de que nos vai mellor cando defendemos os seus valores. A relación entre Galicia e o Norte de Portugal é complexa e expansiva, pero atopa o seu nexo perfecto na Eurorrexión que é o enlace natural de dous grandes países, linguas e culturas como son a portuguesa e a española”, abundou.

Nun tempo no que a Unión Europea está a ser cuestionada por partidos e movementos que prefiren dar pasos cara atrás, Feijóo fixo fincapé en que portugueses e galegos compartimos unha tradición europeísta que nos convoca a todos e que temos o deber de reivindicar.

“Estes movementos atoparon na crise económica o seu caldo de cultivo e sinalaron á Unión Europea como culpable de todos os males. Pero non debemos ignoralos, senón combatelos e, sobre todo, volver a ilusionar aos cidadáns que están decepcionados”, sinalou, insistindo en que a nosa cooperación é o exemplo claro de que a Unión Europea chega a cada recuncho para tender pontes entre os cidadáns que conformamos este vello continente. “Non é certo que o proxecto europeo perdera a súa vixencia. Necesitamos máis ca nunca a cooperación, a liberdade e a unión que nos brinda”, concluíu.