Inicio / Noticias / Feijóo salienta que a Axencia Galega de Infraestruturas xestionará entre 2018 e 2019 un orzamento de 561 millóns para a ampliación e a mellora da rede autonómica de estradas
11/01/2018 - 04:02
Feijóo salienta que a Axencia Galega de Infraestruturas xestionará entre 2018 e 2019 un orzamento de 561 millóns para a ampliación e a mellora da rede autonómica de estradas

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) xestionará, entre 2018 e 2019, un orzamento de 561 millóns de euros para a ampliación e a mellora da rede autonómica de estradas, o que supón un 14,5 por cento máis que no período anterior.

Durante a súa intervención, Feijóo subliñou que a AXI comezou xa a traballar con estes recursos económicos, dando continuidade a actuacións en execución tan importantes como a construción da autovía do Morrazo ou a Variante de Aradas.

Así mesmo, lembrou que no último trimestre do 2017 licitou obras polo procedemento anticipado de gasto, o que permitiu a licitación da nova conexión do Polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52; ou dos acondicionamentos das estradas AC-406, en Santa Comba, ou da AC-100, en Mañón, entre outras. Ademais, grazas a este procedemento licitáronse obras de reforzo do firme en distintas estradas autonómicas galegas, un ámbito que incrementa a súa dotación un 33 por cento, pasando dos 15 aos 20 millóns de euros.

Así mesmo, a Xunta tamén continuará coa execución de actuacións enmarcadas na estratexia de eliminación de todos os tramos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica, cun investimento previsto de 12,3 millóns.

O presidente do Executivo autonómico afirmou que o Plan de Sendas de Galicia será tamén outro eixo fundamental da actividade da Axencia, referíndose así ao avance na construción de itinerarios peonís e ciclistas seguros e integrados na paisaxe ata acadar os 170 quilómetros proxectados.

Por último, e dentro do obxectivo de centralizar os procesos de contratación e construción dos centros sociosanitarios e educativos, Feijóo aseverou que, en 2018 e 2019, a AXI intensificará o seu labor na execución de equipamentos por encomenda doutras ramas do Goberno galego.

Sobre este punto, lembrou que a día de hoxe estanse executando obras como a ampliación do Hospital Público da Mariña; a construción de varios centros de saúde; a ampliación do Ifevi en Vigo; ou a integración paisaxística dos Camiños de Santiago na capital galega.