Inicio / Noticias / Feijóo sostén que a ampliación da AP-9, a autovía do Morrazo e a circunvalación de Pontevedra constatan a vontade de que a recuperación atope na Galicia atlántica o impulso para consolidarse
02/04/2018 - 04:50
Feijóo sostén que a ampliación da AP-9, a autovía do Morrazo e a circunvalación de Pontevedra constatan a vontade de que a recuperación atope na Galicia atlántica o impulso para consolidarse

Pontevedra, 2 de abril de 2018.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a ampliación da autoestrada do Atlántico en Rande e Santiago, a Autovía do Morrazo e a circunvalación de Pontevedra son, todas elas, infraestruturas que confirman a vontade incuestionable de que a recuperación económica atope na Galicia atlántica o impulso que precisa para consolidarse e expandirse.

Ao longo dunha visita ás obras do tramo Vilaboa-A Ermida da A-57, na que acompañou a Mariano Rajoy, Feijóo lembrou que durante a recesión económica o Goberno central lanzou a aposta por corrixir as históricas deficiencias da Comunidade en materia de infraestruturas, referíndose a modo de exemplo: á ampliación da AP-9 en Vigo e Santiago, coa bonificación da viaxe a Pontevedra e a próxima eliminación da peaxe a Redondela; á activación da autovía entre Lugo e Santiago; ao Eixe Atlántico ferroviario; á defensa da incorporación dos portos ao corredor atlántico de mercadorías; ou ao compromiso da finalización en 2019 do AVE.

En relación ás obras da A-57, o responsable do Executivo autonómico resaltou que os máis de seis quilómetros de autovía que se están a construír entre Figueirido e Marcón, cun investimento de 75 millóns de euros, supoñen o inicio da transformación en realidade da necesaria circunvalación da cidade do Lérez.

“Estamos a falar dunha vía de altas prestacións que proporciona unha alternativa segura e cómoda á N-550; unha fórmula para desconxestionar o treito de AP-9 que transcorre por Pontevedra e que a metade dos seus 45.000 usuarios empregan só para rodear a cidade; e que, cando estea completa, verá reforzado o seu papel de gran centro de comunicacións da provincia, distribuíndo os tráficos cara a Vigo e Portugal, cara a Santiago, cara ao Salnés e cara ao interior da provincia”, abundou.

Nesta liña aseverou que esta circunvalación, xunto a outras infraestruturas impulsadas desde a Xunta como a Variante de Alba ou a estación intermodal, o edificio da Xustiza e o proxecto do Gran Montecelo fan que Pontevedra sexa hoxe a cidade galega que ten ante si o maior escenario de transformación e progreso.

Así mesmo, recordou tamén que neste mes de maio se porá en servizo o tramo entre Rande e Meira, en Moaña, da Autovía do Morrazo, a maior infraestrutura viaria que está a construír actualmente o Executivo galego, cun investimento de máis de 55 millóns.

Orzamentos Xerais do Estado

Logo de valorar o compromiso de que as futuras obras na autoestrada do Atlántico, entre elas a remodelación do nó de bombeiros, se financien pola vía orzamentaria e non con novas cargas de peaxes.

Feijóo trasladou o convencemento de que os Orzamentos Xerais do Estado de 2018, ademais de ser unhas contas de gran valor para o preto de medio millón de pensionistas galegos que se beneficiarán do anunciado incremento de retribucións, darán un novo impulso á dinamización da economía e do emprego a través de novos investimentos. “Cremos que é o momento de seguir apostando polas obras públicas estratéxicas, como ferramentas para a expansión económica”, aseverou.

Se ben nos últimos anos a nosa é unha das dúas comunidades con maior investimento per cápita de España, “e aínda que algúns poidan considerar que non é prioritario a inclusión de Galicia no Plan extraordinario de investimentos estatais”, o titular da Xunta expresou a seguridade de que a Autonomía estará incluída nel. Ao respecto, cómpre salientar que Mariano Rajoy anunciou a inclusión neste plan da construción do treito da Autovía das Rías Baixas entre O Porriño e Vigo, cun investimento estimado de 337 millóns de euros.