Inicio / Noticias / Fernández-Tapias supervisa o inicio das obras de mellora de seguridade na estrada PO-552 en Nigrán, no tramo polo que discorre o Camiño Portugués da Costa
08/09/2021 - 06:45
Fernández-Tapias supervisa o inicio das obras de mellora de seguridade na estrada PO-552 en Nigrán, no tramo polo que discorre o Camiño Portugués da Costa

Vigo, 8 de setembro de 2021.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, achegouse hoxe ata a estrada PO-552 en Nigrán, no tramo polo que discorre o Camiño Portugués da Costa, para supervisar o inicio das obras de mellora da seguridade viaria programadas polo Executivo autonómico.

A intervención, tal e como informou a representante do Goberno galego, consiste na execución dunha senda na marxe esquerda, coincidente coa entrada e saída do Camiño Portugués da Costa, na que non existe un espazo axeitado de circulación para os peóns. Segundo dixo, as obras teñen como obxectivo reforzar a seguridade viaria dos peregrinos, usuarios vulnerables das estradas.

Tamén se disporán bandas transversais de alerta e reforzarase a sinalización coa fin de incrementar a seguridade neste punto.

Os traballos que deron comezo esta mañá levaranse a cabo na zona correspondente ao punto quilométrico 7+700 desta vía autonómica, na que existe un volume considerable de tráfico e a velocidade está limitada a 50 quilómetros/hora. Estes traballos, que supoñen un investimento superior aos 19.000 euros, están incluídos nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.

O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia de peregrinos que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.