Inicio / Noticias / Galicia, Asturias e Castela e León únense pola integración do noroeste no corredor atlántico de transporte para incrementar a súa competitividade económica e capacidade loxística
09/10/2017 - 04:09
Galicia, Asturias e Castela e León únense pola integración do noroeste no corredor atlántico de transporte para incrementar a súa competitividade económica e capacidade loxística

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2017.- Galicia, Asturias e Castela e León únense para demandar a integración do noroeste no Corredor Atlántico de Transporte de Mercadorías para incrementar a súa competitividade económica e capacidade loxística. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda do Goberno galego, Ethel Vázquez, o conselleiro de Fomento e Medio Ambiente de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones, e o conselleiro de Infraestruturas, Ordenación do Territorio e Medio Ambiente do Principado de Asturias, Fernando Lastra, firmaron hoxe en Santiago unha declaración institucional de apoio e impulso desta iniciativa.

Os tres Gobernos autonómicos selaron hoxe a súa reivindicación común de que o trazado español do Corredor Atlántico incorpore e priorice a conexión ferroviaria do seu actual trazado cos portos marítimos de Vigo, A Coruña, Xixón e Avilés, -a través de Palencia e León. Esta iniciativa consiste en que o itinerario preferente poida complementarse pola liña de costa entre A Coruña, Avilés e Xixón co actual trazado do Corredor, creando un bucle de conexión dos portos da cornixa atlántica.

Neste acto participaron os representantes de diferentes departamentos da Administración pública, así como das autoridades portuarias, as cámaras de comercio ou das principais agrupacións de empresarios.

A proposta común será remitida ao Ministerio de Fomento e á Unión Europea para que se teña en conta na revisión do trazado da Rede transeuropea de transporte de mercadorías prevista para 2018.

Na declaración apóiase a realización das oportunas modificacións da Rede Transeuropea de Transporte e da conexión ferroviaria coas terminais portuarias e principais plataformas intermodais co propósito de facilitar un reparto máis eficiente -económica e ambientalmente-, entre os diferentes modos de transporte, reequilibrando as posibilidades de atracción industrial destas comunidades. Este documento contempla a consideración común de que o Goberno de España debe levar a cabo as actuacións necesarias para que a redefinición das infraestruturas propostas para os trazados da rede básica nestas comunidades, sexan culminadas favorablemente coa fin de conectar o norte e noroeste de España co Corredor Atlántico.

Estas comunidades comparten a mellora das conexións loxísticas intermodais como resultado de conectar coa rede transeuropea os portos básicos da Coruña e Xixón e os globais de Avilés, Ferrol e Vigo. Cabe destacar que estas infraestruturas moven máis do 10% das mercadorías portuarias.

Na declaración maniféstase que se conectarían con este corredor as terminais de ferrocarrís globais de Monforte de Lemos e León, así como as loxísticas da Coruña, Vigo e Asturias. O trazado desta antena cara o noroeste peninsular transcorre polas proximidades da fronteira portuguesa, xa que desde Guillerei hai menos de 10 km en tren a Portugal. Ábrese así a posibilidade de prolongar a rede básica de mercadorías ata Porto, configurándose unha verdadeira rede por ferrocarril que desde a fachada atlántica da península se comunique co resto de Europa.