Inicio / Noticias / Gonzalo Trenor destaca a beleza da nova senda peonil entre Ponte do Porco e a praia de Ribeira financiada pola Xunta e o Concello de Miño
12/04/2021 - 03:42
Gonzalo Trenor destaca a beleza da nova senda peonil entre Ponte do Porco e a praia de Ribeira financiada pola Xunta e o Concello de Miño

Miño (A Coruña), 12 de abril de 2021.- O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a nova senda peonil, coñecida como a Senda dos sentidos, que une Ponte do Porco e o paseo da praia de Ribeira. Esta actuación contou cunha achega de 30.000 euros, cofinanciada, a partes iguais, pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e polo Concello de Miño. Trátase dun camiño peonil, accesible e respectuoso co medio, que permite contemplar unhas fermosas vistas da ría e a observación das moitas especies de aves que o poboan.

Trenor destacou que “con este novo itinerario os veciños contan cun tramo de 1,1 quilómetros de especial beleza porque discorre por toda a zona da costa”. Os traballos consistiron no acondicionamento da senda, na instalación de mobiliario como bancos e na colocación de sinais e paneis informativos, nos que ademais de informar do percorrido dáse información sobre a flora e fauna da contorna así como da diversidade e formas de coidar o espazo.

Para a recuperación da antiga senda costeira levouse a cabo tamén a eliminación das especies exóticas presentes na contorna e recuperación da vexetación característica e do bosque autóctono para consolidar o ecosistema natural e impedir a proliferación de especies invasoras.

Ademais, coa posta en servizo deste tramo enlázase de forma directa co paseo da Ribeira e o porto de Miño, que ten outro quilómetro máis de percorrido. Ademais, permite unir diferentes núcleos poboacionais polo que esta nova infraestrutura pode ser utilizada polos visitantes para descubrir este fermoso lugar da comarca e polos propios veciños para o seu uso habitual.