Inicio / Noticias / Iniciado o proceso de información pública do proxecto de mellora da seguridade nunha intersección na estrada AC-840, en Curtis
03/11/2017 - 02:03

Santiago, 3 de novembro de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción da reforma da intersección do punto quilométrico 21+900 da estrada AC-840, en Curtis.

O prazo para a presentación de alegacións abrangue dende o luns 6 de novembro ata o martes 19 de decembro de 2017. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://goo.gl/zpPz5Q

Esta actuación contará cun investimento de case 237.000 euros, que será achegado pola Xunta de Galicia.

O obxecto deste proxecto é transformar en glorieta a intersección existente entre a estrada provincial DP-3204 e a AC-840 (Betanzos-lim.prov.- Agolada), no punto quilométrico 21+900, punto no que finalizará a senda que se vén de iniciar. Nese punto existe actualmente unha intersección en cruz que conta cunha visibilidade bastante reducida por mor da proximidade dun cambio de rasante, polo que a súa transformación en glorieta permitirá aliviar o tráfico e posibilitará os xiros na estrada en condicións máis seguras.

Este proxecto complementa á obra que o Goberno galego iniciou hai dúas semanas para a construción do itinerario peonil e a reforma dunha intersección na AC-840 en Curtis. Estes traballos estanse a centrar na execución dunha senda peonil na marxe dereita da AC-840, no tramo comprendido entre o Alto da Espeniña e a intersección coa estrada autonómica AC-230. Tamén se prevé mellorar unha intersección existente no tramo de actuación, a que conecta coa estrada ao cemiterio.