Inicio / Noticias / A instalación da pasarela de Marineda fará necesario o corte de tráfico mañá en horario nocturno neste treito da estrada AC-552
08/07/2019 - 05:34

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezará mañá a instalación da pasarela de Marineda, o que fará necesario o peche ao tráfico en horario nocturno neste treito da estrada AC-552.

A intervención iniciarase mañá na parte correspondente ao tramo da zona da Grela e rematará a vindeira semana coa colocación do treito situado na área de Marineda.

Para acometer esta actuación será preciso un corte total da circulación entre o punto quilométrico 0+550 e 1+100 da estrada, dende mañá ás 22 horas ata o mércores ás 7 horas.

Estes traballos programáronse en horario nocturno para minimizar o impacto no tráfico e causar menores afeccións. Ademais, o desvío alternativo estará axeitadamente sinalizado para facilitar a mobilidade.

As obras están enmarcadas nunha actuación integral da Xunta que ten por obxectivo mellorar a mobilidade nesta zona tan concorrida, entre o polígono de A Grela e o centro comercial Marineda.

Para isto, ademais dunha senda peonil e ciclista, executarase unha pasarela elevada duns 200 metros de lonxitude, ao carón do centro comercial, que comunicará ambas as marxes da estrada autonómica.