Inicio / Noticias / Máis de 100 persoas realizan na Estrada as probas de habilitación para exercer como persoal de control de acceso

Máis de 100 persoas realizan na Estrada as probas de habilitación para exercer como persoal de control de acceso

06/07/2018 - 14:25

A Estrada (Pontevedra), 6 de xullo de 2018.- Máis de 100 persoas realizaron hoxe nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) na Estrada as probas para a obtención e renovación da habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos ou actividades recreativas.

Trátase xa da undécima edición destas probas, desde que se regulara esta figura en 2010. En Galicia é obrigatorio contar con habilitación da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para desenvolver a función de controlador, para o que se precisa o certificado acreditativo de ter superado as probas realizadas hoxe.

En concreto, os aspirantes deben pasar por unha proba de coñecementos, que inclúe temas relativos á Constitución Española, normativa básica de dereito de admisión, follas de reclamacións ou medidas de seguridade; un exercicio de tradución dun texto do galego a castelán; e un test psicolóxico.

Galicia conta actualmente con preto de 1.000 persoas con habilitación en vigor para traballar como controladores de acceso. Entre as súas funcións, atópanse as de controlar a entrada de persoas ao establecemento, comprobar a súa idade e adquisición da entrada ou localidade, supervisar que non se exceda o aforo, prohibir o acceso fóra do horario do peche e, de ser o caso, auxiliar ás persoas que se poidan encontrar feridas.