Inicio / Noticias / Medio Ambiente apoiará ao Concello de Sanxenxo na construción dunha senda fluvial de case cinco quilómetros no río Dorrón
03/12/2020 - 02:22
Medio Ambiente apoiará ao Concello de Sanxenxo na construción dunha senda fluvial de case cinco quilómetros no río Dorrón

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2020.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, que o departamento que dirixe apoiará á administración local na construción dunha senda fluvial de case cinco quilómetros ao carón do río Dorrón.

Ángeles Vázquez coñeceu o contido do proxecto que pretende levar a cabo o Concello de Sanxenxo e que consiste na execución dunha senda que poderá ser usada por ciclistas e viandantes, e que será unha oportunidade para potenciar o valor das zonas rurais deste concello.

Esta futura ruta localízase entre as parroquias de Bordón e de Dorrón e o punto de inicio será o lugar de Areas e ao longo dos seus case cinco quilómetros establécense varios puntos de interese como o pazo de Bermúdez da Maza, a Igrexa parroquial de San Xoán de Dorrón ou de San Pedro de Bordóns, os muíños do Felipe, da Costa e de Quintáns ou o de Xian ou muíño do Barreiro, punto final deste itinerario. Ao longo do trazado deste itinerario tamén se poden observar fontes e lavadoiros, como o lavadoiro do Outeiro en Dorrón.

A conselleira de Medio Ambiente mostrouse satisfeita con poder colaborar neste proxecto, xa que ademais de cumprir cunha vella reivindicación dos veciños de Dorrón, tal e como lle indicou o alcalde, é un exemplo de turismo vinculado coa natureza e de uso sostible do patrimonio natural.

A conselleira e o alcalde coincidiron en que esta senda converterase nun atractivo turístico máis deste concello litoral, que na época estival rexistra un importante incremento de poboación; polo que esta futura senda é unha ferramenta útil para dar a coñecer o patrimonio natural desta zona.