Inicio / Noticias / Medio Ambiente orientará ao Concello de Riós na modificación do Plan Xeral para construír un parque empresarial de 30.000 metros cadrados
12/08/2019 - 03:19
Medio Ambiente orientará ao Concello de Riós na modificación do Plan Xeral para construír un parque empresarial de 30.000 metros cadrados

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2019.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou ao alcalde de Riós, Francisco A. Veiga Romero, que o departamento que dirixe orientará e colaborará co Concello de Riós na tramitación necesaria para levar a cabo unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal para adaptalo á Lei do solo e en consecuencia, levar a cabo a construción dun parque empresarial de 30.000 metros cadrados.

Este foi un dos compromisos asumidos pola conselleira de Medio Ambiente durante unha reunión co alcalde de Riós, onde analizaron iniciativas e proxectos de interese para este municipio da provincia de Ourense. Indicoulle que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo asesorará e informará do procedemento necesario para que o Concello impulse dita modificación do seu instrumento de planeamento urbanístico, co fin de facilitar o desenvolvemento de proxectos dentro do marco normativo actual.

Asemade, durante o encontro, o alcalde solicitou á conselleira información sobre os distintos plans e programas dos que dispón o Instituto Galego da Vivenda e Solo para facilitar a recuperación e rehabilitación de inmobles, co fin de habilitar vivendas a disposición dos veciños. Ángeles Vázquez recordou que na actualidade está aberto o programa de axudas do fondo de cooperación, que ten por obxectivo financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. O prazo para a solicitude dunha axuda ao abeiro deste plan remata o vindeiro 1 de outubro e a Xunta puxo a disposición das entidades locais preto de 8,5 millóns de euros, detallou.

Por último, a conselleira agradeceu o interese do rexedor por levar adiante iniciativas e accións de rehabilitación e recordou que en Galicia cada vez é máis doado rehabilitar, non só polos incentivos dispoñibles; senón tamén porque a Lei de Rehabilitación de Galicia, que entrou en vigor en maio, tamén simplificou os procesos e os trámites para levar a cabo actuacións de rehabilitación, por parte daquelas persoas ou entidades que teñen interese.