Inicio / Noticias / O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o cambio de titularidade a prol do Concello de Ramirás de varios treitos antigos da estrada autonómica OU-531
30/09/2019 - 12:34

Santiago, 30 de setembro de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación da transferencia ao Concello de Ramirás de varios treitos antigos da estrada autonómica OU-531.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información da transferencia: https://bit.ly/2oobzH5

O Concello de Ramirás manifestou á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o seu interese polo cambio de titularidade de varios treitos antigos da OU-531 orixinados polo acondicionamento realizado pola Xunta de Galicia nesta estrada, que mellorou o seu trazado e, polo tanto, orixinou restos de estrada coas rectificacións de curvas realizadas.

A estrada autonómica OU-531 comunica Xinzo de Limia e Cortegada, e nela a Xunta investiu no seu día máis de 22 millóns de euros no acondicionamento no treito entre Celanova e a provincia de Pontevedra. Unha actuación importante sobre a antiga comarcal C-531 que permitiu mellorar as comunicacións nesta zona.

O Departamento de Infraestruturas da Xunta emitiu informe favorable sobre a transferencia dos tramos solicitados que na actualidade carecen de funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas de Galicia, e o Concello aceptou o cambio de titularidade dos treitos da estrada, situados nos puntos quilométrico 32+200 ao 32+330, 32+920 ao 33+060, 33+180 ao 33+260 e do punto quilométrico 33+560 ao 33+660.

A transferencia a prol do Concello de Ramirás destes antigos treitos da estrada autonómica tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que debe ser aprobado por decreto da Xunta, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade, o Concello ourensán terá a competencia para actuar nestes tramos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.

A entrega deste treitos formalizarase mediante a sinatura da acta de entrega, no prazo dos dous meses seguintes á publicación no Diario Oficial de Galicia do decreto.