Inicio / Noticias / O DOG publica a aprobación do proxecto de construción dun itinerario peonil e ciclista na estrada autonómica PO-313, entre Coirados e Pardavila, no concello de Marín
17/06/2019 - 13:47

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2019.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se fai pública a resolución na que se aproba o expediente de información pública do proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-313, entre Coirados e Pardavila, no Concello de Marín.

Esta actuación conta cun orzamento autonómico duns 720.000 euros, no que se inclúe o pagamento aos titulares das 19 fincas necesarias para executar esta actuación.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://xurl.es/28gt2

Estas obras incluídas no Plan de Sendas do Morrazo se licitarán nas vindeiras semanas e dispoñen dun prazo de execución de 6 meses, estando previsto o levantamento de actas previas no terceiro trimestre de 2019.

Trátase da execución dun itinerario duns 2 quilómetros de lonxitude pola marxe esquerda da estrada de titularidade da Xunta PO-313, dende a saída de Marín e conectando coas beirarrúas existentes ata Pardavila, no punto quilométrico 3+300, unha vez pasado o enlace coa Variante de Marín.

A intervención comezará polos primeiros 15 metros desta estrada, no punto quilométrico 1+380, onde se executará unha pequena plataforma para salvar o rego existente. A partir dese punto, a sección tipo constará dunha senda en formigón coloreada de 1,8 m de ancho medio, aproveitando nalgún tramo intermedio a beirarrúa existente.

Como obras complementarias poden destacarse a instalación dunha nova rede de drenaxe e a mellora da intersección existente no punto quilométrico 2, coa execución dun carril central e dun cambio de sentido.

Os obxectivos prioritarios desta actuación aprobada hoxe polo Executivo autonómico son incrementar a seguridade dos veciños nos seus desprazamentos cotiás e promover unha mobilidade máis sustentable.

Cabe salientar que o departamento de Infraestruturas da Xunta ten previsto executar tamén outro tramo de senda na estrada PO-313, entre Pardavila e a intersección coa vía de acceso ao lago Castiñeira, no Cadro, que permitirá completar un itinerario peonil continuo de mais de 4 km dende o inicio da estrada en Marín ata este punto. Este pasado venres día 14 o DOG publicou a anunciou de información pública deste proxecto.

Plan de Sendas da Comarca do Morrazo

Tamén a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no DOG o trámite polo que se somete a información pública o proxecto de construción dunha senda na PO-551, treito Trasouto-Alto da Portela-CG-4.1, no Concello de Bueu. E tamén se se publica a relación individual de bens, dereitos dos propietarios dos terreos necesarios para executar este proxecto.

O prazo para a presentación de alegacións a este novo itinerario incluído no Plan de Sendas da Comarca do Morrazo comeza maña, día 18 de xuño, e esténdese ata o vindeiro día 30 de xullo, e dispón dun orzamento dun 735.000 euros nos que se inclúe o pago das expropiacións.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://xurl.es/2p3om

Trátase da execución dunha senda na marxe esquerda desta estrada de titularidade autonómica, entre os puntos quilométricos 12+605 e 14+440, que con respecto ao proxecto inicial amplíase en 115 metros a súa lonxitude para conectar coas beirarrúas existentes e conformar un itinerario peonil seguro de maior lonxitude. A senda terá un ancho mínimo que oscilará entre os 1,8 e 1, 5 metros, e elevarase 3 centímetros con respecto á rasante da calzada.

Puntualmente e en función do espazo, a senda implantarase no arcén existente, cun ancho mínimo de 1,50 metros. Nestes casos disporase separadores para identificar correctamente a separación entre senda e calzada.

De modo complementario, conformarase unha parada de autobús e ampliarase o firme no entorno do punto quilométrico14+150, na marxe esquerda. Nesta parada tamén se renovará a marquesiña existente.

Estas actuacións están enmarcadas no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, no que a Xunta contempla 8 itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe, que foron definidos en 7 proxectos de construción que suman case de 9,2 km de sendas cun orzamento que supera os 4,5 millóns de euros.

No marco do plan de Sendas, no Concello de Marín, o departamento de Infraestruturas da Xunta ten xa en execución a senda entre Vilaseca e Lapamán.

Todas estas actuacións serán cofinanciada con Fondos FEDER 2014/2020.