Inicio / Noticias / O DOG publica a aprobación do proxecto para eliminar un treito de concentración de accidentes na estrada PO-551, en Domaio, no concello de Moaña
07/08/2020 - 14:35

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do expediente de información pública e do proxecto construtivo para eliminar un tramo de concentración de accidentes na estrada PO-551, en Domaio, no Concello de Moaña.

A información relativa a este anuncio pode ampliarse a través do seguinte enlace ao DOG: https://bit.ly/31qR2l3.

Esta intervención conta cun orzamento de case 570.000 euros, dos que preto de 78.000 euros se corresponden co importe das expropiacións.

Actuarase no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 27+760, no paso de peóns da travesía de Meira á altura do centro de saúde, e o 32+670, na intersección coa vía provincial EP-1103, á saída de Domaio.

Os traballos previstos centraranse na mellora de interseccións como a da área recreativa da Cerradiña ou a do porto de Domaio, na que se executará una glorieta. Esta última permitirá os xiros en condicións seguras nese punto e contribuirá ao calmado do tráfico.

Tamén se acondicionarán os pasos de peóns, con sinalización intelixente para facilitar a súa percepción. Así, instalaranse sinais verticais luminosas e puntos de luz específicos para o seu alumeado con detectores de presenza de peóns. Ademais limitarase o aparcadoiro nos 10 metros anteriores para aumentar a súa visibilidade.

O proxecto contempla a construción de dous novos pasos de peóns, un no punto quilométrico 29+225, xunto á parada de bus, e outro no 29+540, para o cruzamento dunha futura senda. As obras tamén mellorarán o paso de peóns da travesía de Meira, fronte ao centro de saúde. Renovaranse as barreiras de seguridade e reporanse algúns sinais verticais, que serán substituídos por outros de maior retroreflectancia co fin de facilitar a percepción da estrada en horario nocturno. Tamén se colocarán bandas transversais de alerta á entrada da travesía de Domaio desde Rande.

Achegas incorporadas ao proxectoA Xunta, tras a análise das alegacións presentadas, incorporou no proxecto a posibilidade de xirar á esquerda no punto quilométrico 31+630 desde a estrada PO-551 para acceder á estrada provincial EP-1103.

Ademais, na contorna da nova glorieta proxectada no punto quilométrico 31+580, ampliarase o ancho da beirarrúa anexa á edificación existente na marxe dereita.

Cómpre precisar que durante a execución da obra e de acordo cos criterios de funcionamento da estrada, determinarase o punto exacto máis adecuado para situar o cruzamento peonil no p.q. 31+920.

Este proxecto tamén está a coordinarse coa execución dunha senda peonil e ciclista na estrada PO-551, no treito entre A Moureira e Palmás.

No seguinte plano amósase a glorieta prevista no acceso ao porto de Domaio.